Imprimir

Ledicia Costas: "Como autora implícome tanto que me desgarro"

Diario de Pontevedra | 14 de Mayo de 2019

Ledicia Costas na súa casa de Vigo. RAFA FARIÑA
Ledicia Costas na súa casa de Vigo. RAFA FARIÑA

Diario de Pontevedra adéntrase na casa da escritora, que estes días presenta a súa primeira novela para adultos, Infamia

O día que Diario de Pontevedra entrou na casa de Ledicia Costas (Vigo, 1979), as últimas páxinas de ‘Infamia’ latexaban xa nesa sorte de laboratorio onde a escritora vai dando forma ós seus personaxes. Daquela, confesou que estaba a piques de entregar unha novela para adultos. «Un soño cumprido», di. Era aínda inverno. Maio presentábase coma un sol novo que nace polo horizonte. E naquel ordenador onde Escarlatina ou a Señorita Bubble abriron antes os ollos, coa música do islandés Olafur Arnalds envolvendo a escena, foi cobrando vida o thriller que protagoniza a penalista Emma Cruz. Esta semana chegaba ás librarías e en breve virá a Pontevedra a presentala.

"Infamia é unha novela de temática controvertida que escribín con algo de rabia"

Que supón ‘Infamia’ para Ledicia Costas?

Infamia supón un cambio radical de rexistro. É unha novela moi emocional, moi dura e de temática controvertida que escribín con algo de rabia. É unha obra visceral. A novela xira arredor de dúas desaparicións de dúas irmás.

Que hai de verdade e de ficción?

É un thriller psicolóxico que xira arredor das pesquisas do caso de dúas irmás que desapareceron unha tarde. Houbo dous casos que me marcaron profundamente na miña vida: o asasinato de Marta del Castillo e todo o que sufriu o pianista James Rhodes. Esta é unha obra de ficción, pero bebe da realidade en grande medida. Estiven documentándome co que aconteceu con casos como o de Marta del Castillo ou as nenas de Alcasser e outras antes de escribila. Cando a novela é tan psicolóxica e os personaxes parece que se desangran, ti como autora tamén. De feito, acabo esgotada de escribir. Sucedeume cando escribín Un animal chamado néboa. A novela avanza e tira de min. Chega un momento no que é como se a protagonista abrise unha caixa de Pandora e de aí saen dramas absolutamente desgarradores. Como autora, implícome tanto emocionalmente que me desgarro cando escribo. A escrita ten esa parte doce, pero tamén esa outra cando falas de temas de actualidade social, que ten que ver con cousas que vemos na televisión todos os días e reflexionas sobre a sociedade na que vivimos. Maltratos, abusos a mulleres, violacións, violencia entre adolescentes... todo iso está no meu libro.

A protagonista é unha avogada, coma vostede. Que máis ten Emma Cruz de Ledicia Costas?

Emma Cruz é un personaxe de ficción que arrastra un trauma da infancia. Temos en común a formación en Dereito e coido que pouco máis. Ao longo da novela hai moitas reflexións que reflicten o meu xeito de entender a vida. Mais non só as que fai Emma.

É neste recuncho onde pasa a maior parte do tempo?

Si. Agás que teña visitas a coles. Confeso que, logo dun día con catro charlas con nenos toda a mañá e parte da tarde, cando chego a casa son incapaz de sentarme a escribir. Róubanme moita enerxía. Pero cando non estou de visita estou aí metida moitas horas. Ata que aguante a cabeza.

Teñen que ser divertidos eses encontros cos seus lectores nos colexios.

As visitas ó cole son moi divertidas. Son tremendos. Pregúntanme de todo, se falo cos mortos ata se coñezo a algunha pantasma. Pregúntanme se estou morta ou viva. Ás veces tócanme para comprobar que son de verdade. Iso é fantástico, é xenial. Aínda non perderon esa frescura, esa capacidade de pensar que o que acontece nos libros pode ter moito de verdadeiro...

Cando entras pola porta xa os tes gañado de cara. Como nacen as súas historias?

Resúltame complexo explicar o meu proceso creativo. Eu son unha persoa súper caótica e desordenada na miña vida diaria, o meu escritorio está sempre cheo de cousas. E o meu xeito de crear é moi similar a iso. Por exemplo, con Escarlatina tiña unha idea moi vaga sobre o que ía ser o libro. Quería escribir un libro sobre un neno que quería ser cociñeiro e no que a morte estivera moi presente. E logo reviso tanto, tanto, tanto, que cando remato a novela lina máis de trinta veces. Non son capaz de escribir, botalo fóra e logo xa revisarei. A medida que fago vou revisando.

Para construír as súas historias, vai anotando as cousas que lle chaman a atención?

Anoto na cabeza cousas, non anoto en cadernos. Esa imaxe un pouco romántica que temos da escritora que ten que ir anotando o que se lle ocorre nun caderno... a min non me pasa. Son moito máis práctica. Ou ten moi boa memoria. Creo que as boas ideas non as esqueces. Todo o que esquezo é borralla. O que está ben non se me vai da cabeza. E as cousas que logo quero as emprego.

Cando comezou a escribir Ledicia Costas?

Con dez ou once anos xa escribía cousas. Con 13 ou 14 escribín a primeira novela e con 16 escribín o meu cuarto libro, Unha estrela no vento, que vai pola edición número 19. Escribino un pouco por rebeldía. Non me gustaban os libros que me poñían como lectura obrigatoria no instituto, así que escribín o libro que me gustaría ler a min. É unha novela moi adolescente, porque é como escribía Ledicia hai máis de 20 anos.

E cando agora a le, que pensa?

Non a volvín ler. Hai moitos anos si, pero agora non. Leva 18 anos na rúa. Merecería unha revisión, pero creo que non o debo facer.

Ten confesado a súa fascinación polo mundo dos mortos e incluso polos cemiterios. De onde lle vén?

De feito, teño unha colección de fotos de cemiterios en versión dixital por aí polo mundo. Cando visito unha cidade que non coñezo, gústame moito ir ó cemiterio a ver que se coce. Agora os nenos non van ó cemiterio pero a min desde moi pequena gustábame ir co meu avó. Xa me fascinaba de pequena. Aquelas flores que non se podían coller, e os cubos do lixo con flores que estaban intactas e eu sempre dicía: "Por que non as podemos levar para casa para mamá?". Non entendía por que non as podiamos sacar de alí. Quedoume gravado. E logo entrei nese universo do gótico macabro a través das historias de vampiros, con Bram Stoker... aficioneime á literatura gótica. Espertábame cousas. Daquela escribindo Escarlatina e a cociñeira defunta tívoo que pasar moi ben. Paseino súper ben. Escribir libros para nenos é moi divertido. Disfruto moito porque escribo as historias que a min me gustan incluso a día de hoxe.

Penso o que lle gustaría ler a Ledicia de nena, e tamén e o que me gusta ler agora tamén. Cales son os seus referentes?

Lin moito a María Gripe, a Ángela Sommer-Bodenburg, coa colección O pequeño vampiro, aí naceu a miña fascinación por ese tipo de historias macabras. Lía a Roald Dahl, Michael Ende e a poesía de Gloria Fuertes... E tamén teño unha gran influencia das cousas que vin a través da pequena pantalla, La bola de Cristal, Fraguel Rock, Pipi Calzaslargas, Barrio Sésamo... O universo de Jim Hemson para min era moi especial. Aínda hoxe vexo capítulos en Youtube como unha tola. Tiven a sorte de que na miña época botasen Dragon Ball, fun súper fan de adolescente. Todo iso é unha especie de cóctel aí carburando na miña cabeza que, sen dúbida, me inflúe á hora de escribir.

Pero estudou Dereito.

Foi por descarte. Non quería facer Filoloxía, non me vía como docente e acabei facendo Dereito Económico e Empresarial en Vigo, pero sentíame desubicada completamente. O que me salvou foron os amigos, porque a clase non iamos moito. Vivimos a época da universidade intensamente. De todas maneiras, a carreira serviume para moitas cousas, non me arrepinto de estudala. Cheguei a exercer un par de anos e fun capaz de tomar a decisión de dicir "isto non o quero para a miña vida, vou dedicarme a escribir libros", que era o que realmente quería facer. No 2013 decidín tirarme ó baleiro co convencemento de que era o que quería facer.

E hoxe é Premio Nacional de Literatura, ademais de levar outros recoñecementos literarios, os seus libros foron traducidos a unha morea de linguas e atópanse entre os máis lidos nos clubs de lectura.

Estou súper contenta. Son unha auténtica afortunada. Escarlatina entrou en Corea, Esmeraldina acaba de ser traducida ó italiano por Mondadori, ó búlgaro... Agora vanme traducir ó rumano A señorita Bubble e A balada dos unicornios. É importante acceder a otros sistemas literarios. No último ano e medio apostei pola internacionalización. Hai que conseguir unha boa axencia literaria que son os que están comprando e vendendo dereitos. E logo os premios tamén son importantes. Pode suceder que haxa obras extraordinarias e nin sequera están traducidas ó castelán. Imaxina dar o salto a outros sistemas literarios, Por desgraza non chega só con ter talento e ofrecer unha obra de calidade, é preciso que se venda, chegue, que funcione e emocione.

"Temos un sistema literario moi rico que é un gran descoñecido no resto do Estado"

Multiplícase a dificultade cando escribes en galego?

Si porque as axencias non len en galego. Hai moitas pedras no camiño pero hai que ir picando nelas. Escribir en galego implica saber que o vas ter moi difícil para conseguir que te lean fóra. Iso é durísimo a nivel creativo. Aí temos un problemón. Porque temos un sistema literario moi rico que é un gran descoñecido no resto do Estado. Iso é un problema da Administración e do sector.

"Eles non teñen que ser sempre os que salvan ás mulleres"

Os personaxes femininos teñen un papel fundamental na obra de Ledicia Costas. Por exemplo, coa señorita Bubble reivindica ás mulleres científicas.

A señorita Bubble é precisamente o que nos falta. As mulleres están absolutamente invisibilizadas. Nótase cando ti vas a un cole e preguntas por persoas que inventaron cousas importantes ó longo da historia e empezan a dicir Leonardo da Vinci, Marconi... pero non son capaces de dicir nin unha soa muller. Non teñen referentes femininos. De aí ‘A señorita Bubble’, de aí ‘A balada dos unicornios’, que é un libro de fantasía pura, unha obra especialmente dura que sen embargo está funcionando moi ben entre os rapaces. Coido que non se trata só de reivindicar o papel das mulleres, tamén é necesario o papel doutro tipo de masculinidades. Non teñen que ser sempre os que salvan ás mulleres.

Como lle gustaría a Ledicia Costas verse dentro de dez, quince, vinte anos...?

Gustaríame seguir vivindo disto. Creo que iso xa está estabilizado, aunque dá medo dicilo en voz alta. Teño obra traducida a moitas linguas e gustaríame tamén acceder ó mercado para adultos. É certo que me especialicei na literatura infantil e xuvenil, estou orgullosísima diso e encántame, pero teño varios proxectos de obras para adultos que me gustaría que chegaran ó público da mesma maneira e publicar con certa regularidade noutros sistemas literarios.

Os mundos diminutos


Curiosa e imaxinativa, se hai algo que fascina a Ledicia Costas son os miniuniversos. "Iso de abrir xanelas a outros mundos forma parte de min"
COMA SE dunha gran colmea se tratara, nun piso pequeniño no barrio vigués de Navia, imaxina novos mundos Ledicia Costas. A primeira hora da mañá, a escritora abre a porta cun sorriso de mel. Da vivenda, sae un arrecendo a café acabado de facer. A luz é suave. Ela di que é caótica, pero a orde reina nun piso cálido onde cada obxecto de decoración revela un segredo dos seus gustos e a súa personalidade. Nesa casa sempre hai música e libros, moitos libros. Das paredes penduran ilustracións encadradas dos seus autores de cabeceira. O moble que preside o salón acubilla recordos, dende unha fi gura do mítico Mestre Mutenroi de Dragón Ball a varias edicións especiais do clásico Alicia en el País de las Maravillas.

Confésase viaxeira, curiosa e afeccionada ás series de televisión e ó anime. "Son moi fan de Miyazaki. Unha fan de Dragon Ball coma min ten o mestre Mutenroi, teño o gatobús de mi vecino Totoro...", amosa. Tamén é Ledicia unha gran seguidora de series como The Killing. "Gústame ver series e pelis, actívame algo na cabeza e sempre me dá para ter material para escribir máis tarde", engade. "E logo son súper fan do mundo da ilustración. Se a xente soubese a de horas que paso buscando ilustradores... En Instagram sobre todo. É unha fi estra aberta ó mundo da ilustración", di a escritora que se declara unha gran amante dese mundo. "Teño ilustracións de Ana Juan, Óscar Villán, Nicoletta Cecolli... Ás veces vexo unha ilustración e de aí sáenme ideas".

Pero, sen dúbida, se hai algo que desde nena fascina a Ledicia Costas son os pequenos mundos que nos rodean. Agroman da imaxinación, das súas lecturas da nenez e das series de televión. Se cadra por iso un dos seus obxectos fetiche son as casiñas de bonecas, en concreto varias delas da colección da familia Sylvanian presiden o salón da súa casa. "Creo que é por culpa dos Nabucodonosorcitos, aqueles personaxes pequeniños que vivían nunha maceta en Barrio Sésamo. Teño fascinación polas miniaturas", confesa.

A familia pequeniña que ten Ledicia ten a mesa posta e no fondo do vaso aínda quedan restos de zume. «Iso é porque os domingos lles poño un almorzo especial».

"Son fan dos incursores, dos diminutos... creo que por iso gústame coleccionar. A miña idea é ampliar todo isto, pero necesitaría un despregue...".

"Adoro os pequenos mundos, miniuniversos. Non os teño de adorno, xogo con eles. Iso de abrir fi estas, xanelas a outros mundos é algo que forma parte de min. É un xeito de ver a vida". "Son moi curiosa, súper curiosa e unha das cousas que máis valoro nas persoas é a intelixencia. Esas persoas que atopas no camiño, que che activan algo na cabeza, encántanme. Nesta profesión estou coñecendo a xente marabillosa, persoas extraordinarias no camiño e que logo forman parte da miña comunidade de afectos, motívanme e desafíanme a nivel intelectual".

 O SEU LUGAR. A casa de Ledicia está no seu Vigo natal. Aínda que conta, ela criouse no extrarradio. "Nacín en Cabral e ós sete anos despraceime a Beade. Vivín entre piñeiros, no aire libre. Hoxe en día gústame moito pasear ó aire libre", subiña. "De feito, cos amigos sempre quedo para ir ó monte. É algo que forma parte de min. Lembro iso desde os 7 ata os 14, que foi cando me formei como lectora de maneira máis activa". Rememora a creadora de Escarlatina as tardes da súa nenez lendo á sombra dunha árbore. "Saltaba o muro e quedaba no monte. Pedíalles ós meus veciños un dos libros da colección ‘El maravilloso mundo de los gnomos’ e pasaba tardes enteiras entrando naquel mundo. Os seres diminutos perséguenme desde nena".

E malia que Vigo é un dos lugares da súa vida, afirma que sempre leva a Pontevedra preto do corazón. "É especial. O Salón do Libro é a miña casa", sostén a autora. "Non só porque me abriu moitas oportunidades. Ademais, é que envexo moito como funciona Pontevedra a nivel cultural. Teño unha especie de conexión especial con esta cidade", conclúe. De feito, axiña estará na Boa Via presentando a última historia que saiu do seu maxín.
Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/cultura/autora-implicome-tanto-desgarro/201905142326571035051.html


© 2019 Diario de Pontevedra

Lepanto 5, Pontevedra

Tlfno: 986 011 100

(Grupo El Progreso)