Unha batalla na Alameda para abrir o apetito da Festa Corsaria

O evento, que terá lugar os días 17 e 18 deste mes, presentouse o xoves ca presenza das autoridades e dos colectivos implicados

Os nenos dos campamentos urbáns uníronse ao acto de presentación da festa. C. NEIRA
photo_camera Os nenos dos campamentos urbanos uníronse ao acto de presentación da festa. C. NEIRA

Na vila marinense hai ganas de vencer aos ingleses, é un feito. Os veciños están inmersos na preparación da vindeira edición da Festa Corsaria, na que os bucaneiros, liderados por Rodrigo Gago de Mendoza, loitarán contra os ingleses para reconquistar a súa terra.

A Alameda foi o xoves escenario da recreación dunha pequena batalla entre un inglés e o heroe mariñeiro marinense, unha representación que serviu para presentar oficialmente á veciñanza a programación desta cita, que desde hai seis anos pon ao municipio no mapa galego das festas de época.

Autoridades como a propia alcaldesa, María Ramallo, e os concelleiros Manuel Santos, Cristina Acuña, Marián Sanmartín e Beatríz Rodríguez, así como representantes das diversas asociacións de artesáns e hosteleiros implicados na organización da Festa Corsaria, posaron o xoves xunto aos que se achegaron a presenciar o espectáculo.

A eles uníronse tamén os nenos que actualmente participan nos campamentos urbanos de verán organizados polo Concello, que acudiron á Alameda vestidos de corsarios. O Goberno local confía en que este ano, tal e como aconteceu na última edición, haxa un importante número de asistentes caracterizados ca vestimenta típica da época, algo que engrandece a festa e mellora o ambiente durante os días nos que transcorre.

O Concello considera que esta cita estival está a vivir un momento doce, tanto pola afluencia de visitantes como polo salto de calidade que deu nos últimos tempos. Nela, non faltarán as actividades, a representación de oficios, as actuacións musicais, os obradoiros e, por suposto, as mesas onde comer, beber e gozar coma corsarios.

Comentarios