Belako, Jello Biafra, Los Punsetes e Joe Crepúsculo, novas confirmacións do Noroeste

Estes artistas súmanse a un cartel no que xa estaban anunciadas Patti Smith e Nathy Peluso 

Jello Biafra. INSTAGRAM
photo_camera Jello Biafra. INSTAGRAM

Belako, Jello Biafra, Los Punsetes e Joe Crepúsculo son algunhas das novas confirmacións do Festival Noroeste Estrella Galicia, que se celebrará na Coruña entre o 6 e o 11 de agosto. Estes artistas súmanse ao cartel que encabeza Patti Smith, cuxa asistencia xa se confirmou o pasado mes de xaneiro. 

En rolda de prensa, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, acompañado polo concelleiro de Culturas, José Manuel Sande e o director corporativo de Hijos de Rivera, Antonio Viejo, deu a coñecer un novo avance do cartel do festival no que actuarán un total de 80 bandas e artistas. 

En total, serán seis días de concertos e máis de 150 horas de música ao vivo sobre diferentes escenarios da cidade herculina, para consolidarse como unha "cita única e de referencia". O Noroeste, para o alcalde, "é un motor de turismo e creación" que converte A Coruña nunha "cidade dinámica e de vangarda".

CONCERTOS NA PRAIA. A frescura retro-futurista de Belako, que mestura o punk-rock con ambiente máis cálidos da electrónica sinfónica, subirase ao escenario da Praia de Riazor o sábado 10 de agosto. 

Mentres, a lenda estadounidense Jello Biafra, considerado como o líder intelectual do movemento punk, súmase ao cartel do venres 9 en Riazor xunto a Patti Smith and Band e Nathy Peluso. 

Pola súa banda, Joe Crepúsculo celebrará unha década de carreira a ritmo de baile irracional no Noroeste, onde tamén sorprenderá o indie pop de Los Punsetes. 

Mastodonte, o novo proxecto musical de Asier Etxendia da man de Enrico Barbaro, chega á cidade herculina como unha festa na que a electrónica, o rock, o barroco, o funk, o experimental, o clásico e a música dance fúndense nunha celebración definitiva.

O NOROESTE EXPANDIDO. Doutra banda, Paco Ibáñez porá música ás composicións de poetas como Alberti, Neruda ou Goytisolo na Selección Noroeste 2019, que tamén achegará ás butacas da Coruña ao músico portugués Júlio Resende. 

Así mesmo, continuando coa súa aposta de visibilizar a escena musical galega, confírmase a presenza de Baiuca, Basanta, Electra, Holywater, Os Amigos Dos Músicos, Pablo Lesuit, Pardo, Santi Araújo e Silvia Penide. 

Ademais, na súa versión expandida por enclaves singulares da cidade, actuarán as seguintes bandas recentemente confirmadas: Bart Davenport, Hailu Mergia, La URSS, Los Estanques, Los Vinagres, Los Voluble, Lucifer, Night Shades, Teething, The Sey Sisters, Volcanes e Zu. 

Estes novos artistas súmanse a un cartel no que xa estaban anunciadas Patti Smith an Band, Nathy Peluso, Soleá Morente, Andhrea & the Black Cast, Holly Miranda, Jenny and the Mexicats, Las Antonias e Vudú. 

Comentarios