Imprimir

Blindar Galiza

Marica Campo |

Diario de Pontevedra | 27 de marzo de 2020

NO SEGURO refuxio da casa, se non somos de pedra nin levamos unha pataca por corazón, é imposíbel non doernos de quen está a ser vítima desta peste, xente vella e xente nova de todo o espectro social.

Se non pertencemos ao grupo dos malnacidos e malnacidas, dos que non saben agradecer, temos que levar no corazón e na boca a gratitude ás persoas que están na primeira liña de fogo: todas e todos os que traballan no ámbito da sanidade, dun e doutro xeito, así como nos xeriátricos, pezas dunha maquinaria na que todas son imprescindíbeis.

Imprescindíbeis son tamén as farmacias e quen as manteñen en funcionamento, as tendas de alimentación co seu persoal, e moitos outros servizos activos sen os que a corentena sería ben menos levadeira.

É evidente que a sociedade está a responder ben, mesmo co desamparo a que a someten os desatinos de quen nos gobernan. Non hai dúbida de que teñen boa vontade, mais de boas vontades está o inferno empedrado. Non se entende, se non, que a estas alturas sigan escaseando as medidas de protección máis elementais. Xusto cando a proximidade é fundamental, trasládase o mando único a Madrid e, aínda que se asegura que os presidentes das respectivas comunidades son responsábeis nelas, a devandita medida sérvelles de pretexto para non faceren todo o posíbel.

Todo o posíbel fixérono antes para desmantelar o sistema público de sanidade, nunha obediencia cega ao ditado de Madrid e Bruxelas, co único propósito de salvar o gran capital. Daqueles ventos, estas choivas. Xa os profesionais advertiran da escaseza de recursos humanos e materiais en múltiples manifestacións.

Propón o BNG, en resposta á chamada do presidente, unha serie de medidas contrastadas noutros lugares da pandemia, entre as que sobresae a de blindar Galiza. Non é difícil comprender a pertinencia da medida se se ten en conta o carácter radial das vías que, desde Madrid, serven á expansión do virus, e das peculiaridades deste país cunha poboación sumamente envellecida, de maior risco polo tanto.

Blindarse non é insolidariedade, é autodefensa. Blindarse é atallar o mal onde nos toca, tal como deben facer os demais territorios, para que, saneando cada un deles, quede a totalidade curada.

Se esta é unha guerra, séxao contra o virus, non contra nós mesmos, os seres humanos. Ben se sabe que nos conflitos bélicos a primeira vítima é a verdade. É tempo de medir as palabras, de usalas a prol da paz, despoxadas de ira, plenas de comprensión e positividade. Porén, é tempo de non calar. Señores gobernantes de aquí, móvanse e diríxanse á poboación galega en galego, como é o seu deber. Ou é que o virus tamén ataca á nosa lingua?

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /opinion/marica-campo/blindar-galiza/202003271437281079348.html


© 2020 Diario de Pontevedra

Lepanto 5, Pontevedra

Tlfno: 986 011 100

(Grupo El Progreso)