O BNG de Bueu propón crear un novo auditorio e un viveiro de empresas

Os nacionalistas presentaron o programa co que aspiran a un cuarto mandato consecutivo

Presentación do programa electoral, onte. CEDIDA
photo_camera Presentación do programa electoral, onte. CEDIDA

"Temos un compromiso adquirido e con este programa queremos dar un salto cualitativo nas nosas políticas. Porque temos Bueu no noso horizonte". Con estas verbas iniciaba a nacionalista Macu Rodríguez, a número catro do equipo de Félix Juncal, o acto de presentación no que o BNG buenense explicaba o programa electoral co que se presenta aos comicios do próximo 26 de maio e co que opta a un cuarto mandato consecutivo. "Un programa no que o medio ambiente, o turismo e as políticas sociais son os principais protagonistas e no que non só se consolida o traballo realizado polo partido nos últimos anos, senón que se pretende dar un salto cualitativo na calidade de vida da cidadanía", apuntou.

O número once, Tinso Gallego, foi o encargado de abrir o acto, e indicou que unha das accións prioritarias para o partido é a creación de espazos destinados á mocidade, que sexan autoxestionables e que permitan que a xente nova poida desenvolver distintas actividades. Por outra parte, sinalou que o BNG pretende a elaboración dun Plan Municipal de Vivenda Protexida.

Susana Bastón, a candidata número 12, centrou o seu discurso nas propostas medioambientais que se inclúen no programa. Unha das máis importantes é a creación dun bosque urbano que exerza de Pulmón Verde de Bueu, na zona de As Lagoas.

Así mesmo, un dos proxectos máis ambiciosos é a idea da Illa de Ons coma un espazo autosificiente en termos de enerxía.

O alcaldable, pola súa banda, sinalou que outra das propostas é a idea de seguir potenciando ese "gran centro comercial municipal" que agrupa a Praza de Abastos e o mercado ambulante. Así, o BNG aposta por crear un espazo cuberto no exterior do Centro Social do Mar, na área na que se desenvolve o mercado ambulante.

Así mesmo, Juncal comprométese á creación dun novo auditorio, un espazo con aforo notablemente superior ao salón de actos do Centro Social.

Ademais, co fin de fomentar a capacidade empresarial e creativa das veciñas e veciños de Bueu, o partido nacionalista creará un viveiro de empresas, "un espazo a disposición das persoas que queiran poñer en marcha un proxecto empresarial", indicou o alcaldable.

Comentarios