O BNG elixe Vigo para lanzar a lista coa que confía en regresar a Madrid o 10N

Pontón critica o "fracaso" das forzas estatais e reclama o apoio para que Galicia volva ter "voz propia" nas Cortes do Estado
Presentación da candidatura do Bloque ás eleccións do 10 de novembro, este martes en Vigo. BNG
photo_camera Presentación da candidatura do Bloque ás eleccións do 10 de novembro, este martes en Vigo. BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixo este martes un chamamento a "converter o fracaso das forzas estatais" após as eleccións de abril nunha "oportunidade" para que Galicia teña "voz propia" nas Cortes, e acabar así coa "discriminación" dos últimos anos.

Así o manifestou durante o acto de presentación das candidaturas ao Congreso e ao Senado pola provincia de Pontevedra, que tivo lugar na Galería Sargadelos de Vigo.

Durante a súa intervención, recollida pola axencia de noticias Europa Press, Pontón sinalou que a repetición electoral é "o maior retrato da incapacidade das forzas estatais" que, após os comicios de abril, "demostraron que pasan olímpicamente" dos problemas dos cidadáns, e dos problemas de Galicia.

Por iso, instou a converter ese "fracaso" nunha "oportunidade" para que Galicia teña voz no Estado, para que condicione as políticas estatais, e para que poida defender os intereses da comunidade de forma "libre e sen ataduras".

"Nada podemos esperar do bipartidismo, nin da nova política, que enseguida copiaron a discriminación a Galicia", afirmou Pontón, quen censurou que os 23 deputados galegos elixidos en abril "esquecéronse de Galicia en canto colleron a acta" e dedicáronse a "xustificar o inxustificable", como uns Orzamentos Xerais "cos peores investimentos" (en alusión a Unidas Podemos).

DA SILVA. Pola súa banda, a cabeza de lista do BNG ao Congreso por Pontevedra, a pontevedresa Carme da Silva, advertiu de que o 10 de novembro Galicia "xógase moito" e necesita "medidas urxentes en clave galega" para afrontar os seus problemas.

Da Silva, que é concelleira nacionalista no Concello de Pontevedra, constatou que "van moitos anos perdidos", coa ausencia do BNG das Cortes do Estado, e esa ausencia tivo "consecuencias" que "á vista están".

Comentarios