O BNG escolle A Barca como emprazamento para unha futura pista de skate

Os nacionalistas ven viable executar a obra no vindeiro mandato e proxectan outras actuacións para recuperar este núcleo de San Salvador

Luciano Sobral (esquerda), acompañado por varios compañeiros da súa lista. GONZALO GARCÍA
photo_camera Luciano Sobral (esquerda), acompañado por varios compañeiros da súa lista. GONZALO GARCÍA

A parroquia de San Salvador, a máis poboada de Poio, conta con numerosos espazos que, por tradición e historia, merecen ser tidos en conta. Un deles é o núcleo da Barca, situada a carón da ponte que une a vila coa capital da provincia. Esta é unha zona que o BNG pretende poñer en valor durante o vindeiro mandato, a través de diferentes actuacións.

A máis ambiciosa destas obras é a construción dunha pista de skate. Trátase dunha infraestrutura que, tal e como recoñeceu o candidato nacionalista, Luciano Sobral, "é unha demanda que nos vén facendo a xente moza da vila desde hai tempo". A falta deste espazo provoca que os amantes desta modalidade deportiva se vexan na obriga de trasladarse a outros concellos para poder gozar desta actividade, segundo apuntou Sobral. A pista situaríase na zona verde colindante coa parte baixa da Ponte da Barca. O actual alcalde amosouse convencido de que esta actuación pode ser unha realidade antes de que finalice o vindeiro mandato.

Este non é o único proxecto no que está a traballar o BNG para poñer en valor esta zona. Neste sentido, Luciano Sobral adiantou que tamén se pretende humanizar a contorna da propia A Barca e da Porteliña. "É preciso mellorar a accesibilidade e facilitar as cousas ás persoas que padecen problemas de mobilidade", sinalou o alcaldable nacionalista, que adiantou que "xa estamos traballando no deseño deses proxectos para que estean listos canto antes", sempre e cando Poio consiga os fondos suficientes para poder executar os traballos.

Entre A Barca e Oliveira existe tamén un espazo público, con varias prazas de estacionamento, que precisa dunha renovación "para mellorar a calidade de vida dos residentes", indicou Luciano Sobral, que amosou a súa satisfacción pola aprobación do proxecto para dar vida a un novo vial na Caeira, onde tamén se pretende dar vida a un parque público na parcela onde se emprazaba a antiga depuradora de San Salvador. Trátase dun terreo que no PXOM aparece definido como espazo para equipamentos.

VIAL DO VAO. Na súa intervención deste martes, Luciano Sobral volveu facer mención a un proxecto que permanece paralizado desde hai anos. Trátase do vial do Vao, que iría desde Boavista ata a estrada de Vilagarcía.

"Non renunciamos a esta actuación, porque é básica para o futuro de Poio", aseverou, á vez que expresou o desexo de que a Xunta retome o proxecto.

Comentarios