O BNG revalida as listas do 5-A e Pontón mantén a "ilusión" de ser a primeira presidenta

A candidata do Bloque asegura que a súa "primeira decisión" se goberna será articular un "grande acordo de país" para a reconstrución
Pontón e, na pantalla, Rodil, Presas, Bará e Mini. EFE
photo_camera Pontón e, na pantalla, Rodil, Presas, Bará e Mini. EFE

O Consello Nacional do BNG acordou este sábado manter as listas presentadas para as eleccións do 5 de abril, suspendidas pola pandemia do coronavirus, para os comicios do 12 de xullo. Así, a portavoz nacional, Ana Pontón, manifestou que "non cambia as ganas e a ilusión de ser a primeira muller presidenta" da Xunta. 

Na rolda de prensa posterior á reunión do máximo órgano do Bloque, desvelou que seguirán á fronte das candidaturas os deputados autonómicos Olalla Rodil (Lugo), Noa Presas (Ourense) e Luís Bará (Pontevedra), e que Xosé Luís Rivas Mini volverá ser o número dous pola Coruña, tras Pontón. Os nacionalistas manteñen así a confianza nos integrantes do seu grupo parlamentario durante a pasada lexislatura.

Ademais destes nomes, xa figuraban nas listas do 5 de abril a deputada autonómica Montse Prado (no segundo posto por Pontevedra) e a exdeputada no Congreso por En Marea Alexandra Fernández, unha das fichaxes estrela, como número tres por esa mesma circunscrición.

A maiores, o BNG volverá apostar por figuras como Iago Tabarés e Rosana Pérez (ex deputados autonómico e no Congreso, respectivamente), así como o conselleiro de Medio Rural no bipartito, Alfredo Suárez Canal, e por incorporar a escritora Mercedes Queixas e o dirixente de Galiza Nova Daniel Castro.

Pontón asegura que Feijóo "se agochou detrás do mando único" estatal durante a crise do coronavirus "para non responsabilizarse" 

Estas listas que este sábado revalidou o Consello Nacional son, en palabras de Pontón, "unhas candidaturas de excelencia, integradas por persoas solventes, representativas da sociedade galega, con coñecemento sobre o país e con valentía". "Con estas candidaturas e cun proxecto sólido e solvente como o que representa o BNG, afrontamos con toda a ilusión e convicción de que o próximo 12 de xullo podemos abrir unha nova etapa na Xunta", asegurou a candidata nacionalista.

A partir de ahí, Pontón aproveitou a rolda de prensa para cargar contra os 11 anos que leva o popular Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta: "Unha Galiza que vai a menos, unha Galiza con menos emprego, con menos poboación, con menos igualdade, con menos industria, con menos solidariedad e con menos autogoberno". 

Así mesmo, considera que Feijóo "pensa que pode esconder eses 11 anos de retrocesos detrás dunha pandemia" como a do coronavirus. "Por iso convoca eleccións no medio dunha crise sanitaria, porque así pensa que pode salvar o seu naufraxio electoral", insistiu, para tamén lamentar que utilice a Televisión de Galicia (TVG) "para facer campaña". 

Mentres Feijóo "se agochou detrás do mando único" estatal durante a crise do coronavirus "para non responsabilizarse", Ana Pontón celebra que os galegos "demostraron que son moito mellores" que "o Goberno do PP".

A portavoz nacional do Bloque avanzou que a súa "primeira decisión" no caso de resultar elixida presidenta será "convocar a todos os axentes políticos, sociais e económicos" da comunidade "para construír un gran acordo de país para a reactivación económica, social e laboral". "Porque Galiza está e ten que estar por diante de todo, dos partidos e das siglas. E este é o momento de demostralo, de ter altura de miras e de facer política con maiúsculas ao servizo do noso pobo", valorou. 

¿E a campaña? 
Pontón tamén se referiu á campaña electoral, atípica no contexto da pandemia, e acusou a Feijóo de actuar con "cinismo político" por pretender acurtar a campaña electoral, fixada para 15 días, para "amordazar a oposición". 

"Creo que é unha mostra de cinismo político que Feijóo, que leva ao longo desta crise utilizando os medios públicos para facer campaña encuberta, agora diga que quere facer unha campaña curta e de baixa intensidade", lamentou Pontón. 

Comentarios