A Boa Vila baila ao son da muiñeira

Pontevedra celebrou este venres a xornada central do XLVIII Día da Muiñeira, unha cita que reuniu a 21 asociacións, grupos e escolas e tivo como convidado especial ao conxunto Traspés de Vigo

A demostración tivo lugar na Avenida de Montero Ríos. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera A demostración tivo lugar na Avenida de Montero Ríos. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Algo máis dunha vintena de grupos, asociacións e escolas chegadas desde distintos puntos da provincia de Pontevedra encheron este venres a Avenida de Montero Ríos ao ritmo da música e o baile tradicional galego para celebrar o acto central da XLVIII edición do Día da Muiñeira. Os participantes desfilaron por varias rúas da cidade (dende a Praza do Teucro, atravesando o casco histórico e a rúa Michelena) ata rematar cunha gran demostración animada polos gaiteiros de Duos Pontes. Para os menores de oito anos tocaron a Muiñeira Mariñán, para os cativos de entre oito e 13 tocaron a Muiñeira de Fozara e os maiores de 13 puideron exhibir a súa destreza ao ritmo da Muiñeira de Lougares.

Para finalizar, interpretaron a Jota Roubada e o Pasodoble de Mallou para que todos os participantes e o público en xeral botasen uns bailes cos que poñerlle o broche de ouro á xornada.

Nesta ocasión, o Grupo de Música e Baile Tradicional Traspés de Vigo foi o convidado especial e o encargado de actuar ao remate como fin de festa.

Entre os asistentes á cita houbo varios conxuntos da comarca pontevedresa. Así, ademais de Duos Pontes, tamén estiveron Os Borrateiros de Figueirido, o colexio Los Sauces, a Escola Infantil Bamby, a Escola de Muiñeira Celme, o grupo Trouleada da ANPA do colexio Manuel Cordo Boullosa de Ponte Caldelas, Os Gaiteiros das Rías Baixas, Veira do Río de Pontesampaio, Os Trazantes de Tenorio e Vides Novas de Poio. A eles uníronse outros chegados de fóra da comarca.

Comentarios