A Boa Vila reivindica o "tesouro" do seu Entroido

O rei Urco inaugurará os festas o venres na Praza da Ferraría  ►Consulte a programación completa deste ano

Membros de Os do Val do Lérez xunto a Carme da Silva e Kiko Da Silva. GONZALO GARCÍA
photo_camera Membros de Os do Val do Lérez xunto a Carme da Silva e Kiko Da Silva. GONZALO GARCÍA

Cun mapa pirata que recorda á silueta de Ravachol. Así quixo reivindicar Kiko Da Silva o Entroido pontevedrés co cartel que deseñou para a ocasión. O ilustrador pontevedrés volve ser o autor do mesmo e faino recordando que o Entroido de Pontevedra é "un tesouro". "Teño amigos de Cádiz que queren vir ao Carnaval pontevedrés", indicou. O debuxante inspirouse nun plano de Pontevedra dos anos 50 e quixo reflectir sobre o mesmo a imaxe do papagaio máis famoso do Entroido da Boa Vila, que comezará o vindeiro venres coa recepción do Rei Urco e a lectura do pregón na Praza da Ferraría.

Cartel do Entroido 2018 en Pontevedra, obra de Kiko Da Silva. GONZALO GARCÍA

A programación de actividades destas festas presentouse este martes no Concello, nun encontro no que a concelleira Carme da Silva estivo acompañada por dous dos integrantes de Os do Val do Lérez, a agrupación que lerá o pregón do Entroido, e máis polo propio Kiko Da Silva.

"Estamos aínda pendentes das previsións meteorolóxicas, xa que nesta época é difícil prever o tempo", indicou Carme da Silva. Segundo MeteoGalicia, o día do desfile do Entroido –o vindeiro sábado– os ceos estarán anubrados e haberá precipitacións.

NOVIDADES. Entre as novidades deste ano destaca a introdución de tres barcos piratas construídos por agrupacións locais que participarán na Noite Pirata. Trátase de elaborar unha pequena frota que acompañe aos outros barcos que participan na festa que se celebra a noite do Martes de Entroido.

Ademais, no concurso de murgas haberá un novo premio. Así, ademais dos catro primeiros premios que xa eran habituais, desta vez incorporarase un quinto, de 400 euros, por petición das murgas que participan no evento. "Consideraron que, xa que o esforzo para a preparación das murgas é considerable, se ampliasen o número de premios", explicou a concelleira de Festas na mañá do martes.

VAL DO LÉREZ. Levan 15 anos participando no Entroido pontevedrés e este ano serán protagonistas da lectura do pregón. Os integrantes da agrupación Os do Val do Lérez participan na Mostra da Parodia, no desfile e máis no Certame de Murgas e son xa un clásico do Entroido pontevedrés. Este ano será especial para eles porque darán a saída destas festas na Praza da Ferraría o próximo venres.

"Encántanos a idea do Concello de contar con agrupacións da cidade para ler o pregón do Entroido", explicou o membro da agrupación Johny Güimil. No seu espectáculo, combinarán música, teatro, mímica e letras dalgunhas das súas murgas para animar ao público no primeiro día de festa.

En canto ao vestiario, Os do Val do Lérez recuperarán os disfraces de cando participaron por primeira vez no Entroido, 15 anos atrás. Non quixeron dar máis detalles sobre a lectura do pregón. O que si adiantaron é que nesta edición do Certame de Murgas se centrarán na crítica local. A agrupación foi a gañadora do concurso no pasado Entroido. Fíxoo recordando a personaxes xa falecidos como Fidel Castro, Marilyn Monroe ou Francisco Franco en clave de humor.

 O RELOXO DO ENTROIDO...
Venres 9
21.00 - Recepción do alcalde ao Rei Urco e lectura do pregón a cargo de Os do Val do Lérez. Na Praza da Ferraría.

Sábado 10
17.00 - Desfile do Entroido polas rúas da cidade e festa do Entroido na Praza da Ferraría (20.00 horas).

Luns 12
19.30 - Presentación de Ravachol na Praza da Peregrina.
21.00 - Primeira eliminatoria do Concurso de Murgas no Pazo da Cultura.

Martes 13
17.00 - Festa Pirata Infantil na Ferraría.
22.00 - Noite Pirata.

Mércores 14
19.00 - Recreación da botica de Perfecto Feijoo.
21.00 - Segunda eliminatoria do Concurso de Murgas no Pazo da Cultura.

Xoves 15
21.00 - Final do Concurso de Murgas no Pazo da Cultura.

Venres 16
22.00 - Mostra da Parodia polas rúas do centro da cidade.
01.00 - Entrega dos premios da Mostra da Parodia do Entroido na Praza da Ferraría

Sábado 17
18.00 - Velorio de Ravachol na Praza da Verdura. Prégase acudir de loito.
21.00 - Saída do cortexo fúnebre de Ravachol acompañado das comparsas e incineración do paxaro na Praza da Ferraría.

 

Comentarios