Opinión

Boko Haram

HAI OLLOS aos que non lles fan falta palabras e a elas non hai máis que mirarlles a cara. Unha cara sen luz, sen sorriso, testemuña de todas as penurias que veñen de pasar durante un ano de cativerio. Cando desapareceron as 200 nenas secuestradas na escola de Chibok, a mesmísima Michelle Obama encabezou unha campaña en Twitter pedindo a súa busca inmediata. Quedou ben, pero durou pouco. Tampouco a comunidade internacional se envorcou moito no asunto, só comparable en terror cos crimes nazis. Co paso do tempo, a campaña quedou no que era:  puro márketing político e unha forma máis de sacar rendibilidade política dunha desgraza allea que afectou, alomenos, a 700 nenas e mulleres no corazón de África. Só unhas poucas foron rescatadas; outras, moitas, morreron durante o seu secuestro ou cando escapaban da súa cadea. Parirán fillos nacidos da violencia, fillos de non sabe quen, de calquera e de todos. Foron raptadas, violadas, golpeadas, atemorizadas. Máis terror non cabe nos seus corpos, tampouco na súa faciana. A súa mirada só acerta a pronunciar dúas palabras: Boko Haram. Pero é inútil, son invisibles, non son máis que mulleres.

Comentarios