Botos revive a matanza máis tradicional

A parroquia lalinense acolleu este ano a celebración, que contou coa participación dun cento de veciños que enxalzaron a gastronomía local
Un dos momentos da matanza de Botos. PATRY FIGUEIRAS
photo_camera Un dos momentos da matanza de Botos. PATRY FIGUEIRAS

Máis dun cento de veciños e veciñas da parroquia lalinense de Botos participaron este domingo na XXI edición da Matanza Tradicional do Porco, un evento que foi acollido con grande entusiasmo por parte dos habitantes do lugar, que se implicaron ao longo de toda a xornada no proceso, coa chamuscada, o baleirado do porco, o despece, a salazón e o preparado dos chourizos.

O exemplar elixido para a ocasión foi un porco caseiro de 14 meses, cun peso de arredor de 180 quilos. O proceso da matanza levouse a cabo na casa dos Picheles de Vilamaior, que foi o escenario principal da celebración.

O inmoble resultou ser o lugar perfecto para revivir a tradición. Os seus preto de tres séculos de historia transportaron a veciños e visitantes a unha época na que o porco representaba un dos pilares fundamentais da vida agrícola galega. Como manda a tradición, os oficiantes vestiron boina e chaleco no caso da indumentaria masculina e toquilla, camisa branca, saia de época e mandilón, no caso da feminina.

A celebración, que comezou arredor das 11.00 horas da mañá, contou coa presenza do alcalde de Lalín, Xosé Crespo, que presenciou o proceso acompañado da súa corporación e do conselleiro de Turismo, Román Rodríguez.

A xornada estivo animada polas pandeireiteras Ponte da Prata, de Botos, e pola agrupación de baile e música tradicional A Carballeira de Cercio, e foi narrada e comentada polo xornalista lalinense Manuel Vilariño, e polo profesor e doutor en Antropoloxía Social, Xoán Carlos García Porral. Ambos achegaron aos visitantes diferentes aspectos historiográficos, etnográficos e culturais arredor deste evento, no que houbo que destacar a presenza internacional por parte dun peregrino chegado de Alemaña, que decidiu facer un alto no Camiño para unirse á celebración.

Todos os asistentes puideron degustar os produtos típicos da matanza na carpa habilitada no Campo da Festa, onde deron boa conta de arredor de 600 quilos de chourizo, panceta, costela e sobremesas de elaboración artesanal.

Comentarios