Bruzos lembra a Villares que foron os partidos quenes o animaron a "dar o paso" e liderar En Marea

O exdeputado cre que deben "afinarse" as declaracións e actitudes de certos cargos públicos que chegaron a renegar de En Marea

David Bruzos, en el centro. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera David Bruzos na presentación da candidatura Entre Todas. PEPE FERRÍN (AGN)

O exdeputado nas Cortes David Bruzos, que encabeza a lista do sector crítico nas eleccións ao Consello das Mareas, cre que as acusacións de que a súa candidatura é froito dun "pacto de cúpulas" corresponde a "unha estratexia de campaña" máis que a "un pensamento interno" do portavoz de En Marea, Luís Villares, ao que lembra que en 2016 foron os partidos que hoxe critica quen "lle dixeron que dese un paso adiante" para ser candidato á Xunta. 

Nunha entrevista en Europa Press, Bruzos (Ourense, 1979) sinala que é necesario "desdramatizar" o debate interno dun partido instrumental profundamente dividido desde hai case dous anos e que esta fin de semana ía celebra unhas eleccións aos seus órganos de dirección, adiadas tras detectar "irregularidades" a comisión de garantías.

O nome deste profesor de secundaria ourensán —deputado na efémera lexislatura de comezos de 2016— suscitou consenso entre o sector crítico coa dirección de Luís Villares e que se agrupa na denominada Mesa da Confluencia, promotora da candidatura Entre Todas na que Podemos, Anova, EU e as mareas de Santiago, A Coruña e Ferrol repártense os postos de saída para o proceso de renovación do Consello das Mareas. 

Bruzos recoñece que as diferenzas entre os sectores que rivalizan nestas eleccións aos órganos de dirección de En Marea radican no "rumbo que ten que seguir a organización" e non tanto no plano ideolóxico. "Temos dúas posturas enfrontadas. A nosa proposta é que todo o mundo se senta a gusto", di. 

"Non creo que En Marea sexa un satélite de Unidos Podemos no Congreso. O grupo funciona de forma autónoma pero tamén de maneira coordinada cos seus aliados"

E é que, para o ourensán, a dirección que encabeza Luís Villares vai ir "pechando a porta" á participación. "Non podemos configurar un espazo que aspire a gañar eleccións dicindo 'ti non me interesas', 'eu non quero que ti esteas aquí'. Isto non podo ser", remarca. Neste sentido, asegura que En Marea "non pode prescindir" da participación dos partidos políticos e os seus militantes no proxecto rupturista. "Non me quero imaxinar que sería de En Marea se non estivese a xente que apoia a Luís (Villares), ou se non estivese Podemos, Esquerda Unida, Anova ou as mareas", asevera, antes de subliñar que a dirección saínte terá o deber de "tecer" as diferenzas para construír En Marea. "E iso dá traballo", apostila. 

Bruzos cre que "en absoluto" estas eleccións internas constitúen un plebiscito sobre a continuidade de Villares, de quen di que "está a facer un moi traballo no Parlamento", do mesmo xeito que o resto de deputados no Pazo do Hórreo. "Aquí non sobra ninguén, non sobra Luís (Villares) nin ningunha persona do seu equipo nin a xente que o apoia", pecha.

NEGA QUE EXISTA UN PACTO ENTRE CÚPULAS. Villares, que encabeza a candidatura Coidando a casa, centrou a súa campaña electoral nas críticas ao "pacto de cúpulas" que, di, representa a lista do sector crítico, na que, segundo o portavoz, Podemos, Anova, EU e as mareas das cidades repártense "os sillóns" para romper co modelo de adscrición individual e retornar a lóxicas de coalición que, para o maxistrado lucense, quedaron "atrás" en 2016. 

"Preferiría pensar que é máis unha estratexia de campaña interna que un pensamento interno", di Bruzos en referencia a Villares, ao que lembra que foron os partidos quen en 2016 animárono "a dar un paso adiante" para converterse en candidato á Xunta por En Marea. 

"A nosa candidatura é colectiva. Por suposto, inclúe o que Luís chama cúpulas de partidos, pero que non son cúpulas, son direccións elixidas democraticamente", afirma antes de negar que a vitoria do sector crítico supoña romper coa configuración de En Marea como espazo de adscrición individual. 

Neste sentido, cre que "non é o mesmo dicir que unha organización ten que dar un pasiño atrás" para que participe desde dentro nun "proxecto común" que "dicir directamente que esa xente ten que desaparecer". 

¿RISCO DE RUPTURA? A división do partido instrumental trae o recordo dos episodios vividos na anterior lexislatura con Alternativa Galega de Esquerdas, predecesora de En Marea e que viu como varios dos seus deputados acababan no grupo mixto por desavinzas internas. 

Bruzos confía en non repetir erros do pasado e apela a que, en caso de gañar, a súa candidatura tratará de ser "integradora". Sobre a continuidade de Villares na portavocía parlamentaria, apunta que non é "competencia" do Consello, xa que se trata de "unha decisión" do grupo parlamentario. "Respectarei se o grupo di que Villares ten que seguir", apostila.

"AFINAR" CERTAS ACTITUDES. "Temos que afinar certas cousas", responde cando é preguntado sobre a súa opinión acerca de certas declaracións de cargos electos polo partido instrumental que, como as deputadas Carmen Santos (Podemos) ou Eva Solla (EU), chegaron afirmar que non formaban parte de En Marea. 

Lembra que os deputados foron electos "por En Marea" e cre que é necesario "facer piña" en torno ao proxecto porque "se está traballando ben", tanto no Parlamento de Galicia como no Congreso dos Deputados, onde descarta que os parlamentarios sexan "un satélite" de Unidos Podemos, como afirma Alexandra Fernández (Anova). "Creo que non o son. O grupo funciona de forma autónoma pero tamén de maneira coordinada cos seus aliados", asevera Bruzos, que "non dubida" de que a "vontade" de Podemos Galicia é "fortalecer o espazo" e non controlalo desde dentro. 

Ve "positivo" que "dun tempo para acó" exista "máis xente" que "quere participar" en En Marea, en relación á chamada da dirección de Podemos Galicia ás súas bases para participar activamente no partido instrumental e que coincidiu cun crecemento do censo de case 2.000 persoas o que, sobre o papel, outorga vantaxe aos críticos as predicións sobre o resultado das votacións.

Por último, afirma que está "de paso" pola política e que ser candidato á Xunta en 2020 queda " moi lonxe". "Se me preguntas por un futuro, querería que dentro de seis meses haxa 6.000 inscritos e que en maio tivésemos o gran resultado de 2015", pecha.

Comentarios