Duque e Caballero escenifican o seu apoio á universidade pública xunto aos reitores

O candidato do PSdeG compromete a primeira matricula gratuíta 
Duque, Caballero e outros dirixentes do PSOE en Moaña. SALVADOR SAS
photo_camera Duque, Caballero e os tres reitores en Moaña. SALVADOR SAS

O ministro de Ciencia e Innovación, Pedro Duque, e o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, escenificaron este mércores o seu apoio á universidade pública xunto aos reitores do tres universidades galegas, a USC, Antonio López; a UVigo, Manuel Reigosa; e o da UDC, Julio Abalde. 

Os tres dirixentes dos centros públicos galegos, o tamén secretario xeral do PSdeG e o ministro abordaron a situación da universidade en Galicia nun xantar que compartiron este mércores nun restaurante de Moaña no día no que Gonzalo Caballero se comprometeu a pór en marcha que a primeira matricula dos graos sexa gratuíta. 

Previamente, deron un pequeno paseo polo porto deste municipio pontevedrés, onde o candidato do PSdeG lle presentou os distintos reitores ao ministro. "Este é o meu reitor", manifestou o líder do PSdeG en referencia ao da Universidade de Vigo, na que el é profesor de Economía Aplicada. 

Pola súa banda, o ministro comentoulles que o seu fillo estuda na Universidade de Santiago de Compostela, cuestión que lles levou a abordar as dificultades vividas polos estudantes universitarios durante o confinamento decretado para facer fronte á pandemia do coronavirus.

EXPECTACIÓN NA LOCALIDADE. A visita do ministro a Moaña causou expectación entre numerosos veciños que, momentos antes da súa chegada, preguntaban aos integrantes da comitiva socialista que repartía publicidade pola zona ataviados con máscaras, e entre os que se atopaban os dous zancudos que acompañan a campaña do PSdeG, que quen era deles o "famoso". 

Ademais, unha das traballadoras da praza de abastos deixou momentaneamente o seu posto para sacarse unha foto co ministro, ao que tamén se achegou un mozo matemático da localidade para sacarse un 'selfie' co político e enxeñeiro aeronáutico, coñecido principalmente por ser o primeiro astronauta español. 

No percorrido por Moaña, así mesmo, os reitores, o aspirante socialista á Xunta e o ministro charlaron sobre a progresiva recuperación da mobilidade, unha conversación informal durante a que Gonzalo Caballero avanzou que nos próximos días tamén visitarán Galicia o expresidente do Goberno José Luis Rodríguez Zapatero e o ministro Sanidade, Salvador Illa.

VISITA A UNHA EMPRESA EN PORRIÑO. Despois da comida cos reitores galegos, o ministro de Ciencia e Innovación desprazouse a O Porriño para visitar as instalacións dunha empresa na que se fabrican vacinas destinadas a ensaios clínicos de covid-19. En concreto, trátase de CZ Vaccines e Biofabri do grupo biofarmacéutico Zendal. 

Conforme explicou o Grupo Zendal nun comunicado, na visita, Duque puido observar os principais proxectos nos que esta compañía biofermacética traballa co obxectivo de crear vacinas útiles para a sociedade. 

En concreto, CZ Vaccines prepara a fabricación dos lotes clínicos da vacina MVA-COVID-19(S) desenvolvido polo grupo Poxvirus e vacinas do CNB-CSIC liderada polo equipo do Dr. Mariano Esteban. Ademais, outro proxecto concedido a Biofabri traballa nunha vacina de AND fronte ao coronavirus SASRS-Cov-2 a cargo do equipo do Dr. Vicente Larraga. 

Os socialistas esixen a Feijóo aclarar a súa relación con el directivo de Pemex detenido
O vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena, esixiu este mércores ao presidente da Xunta e candidato á reelección, Alberto Núñez Feijóo (PPdeG), que aclare a súa relación con Emilio Lozoya, o exdirectivo de Pemex detido en Marbella (Málaga) o pasado mes de febreiro por un suposto caso de corrupción.

Nun comunicado remitido aos medios,  Arangüena urxe ao mandatario autonómico a detallar os seus vínculos políticos con este empresario, implicado nun caso de suborno e branqueo de capitais, e do que recentemente solicitaron a súa extradición a México.

Así mesmo, o dirixente socialista e cabeza de lista do partido pola provincia da Coruña nas próximas eleccións autonómicas, aproveitou para criticar a política industrial practicada pola Xunta nos últimos anos e os múltiples anuncios de Núñez Feijóo, dos que só quedan fotos do presidente galego con implicados en casos de corrupción, en alusión aos cargos da empresa Pemex.

Evita dar contas da que se revelou como unha operación de márketing apadriñada por quen hoxe está detido por corrupción, agregou o representante do PSdeG.

Comentarios