Caballero destaca a aposta do PSOE polos dereitos sociais, "onde outros só ven prezos" 

Tino Fernández, o candidato socialista á alcaldía de Pontevedra, destacou que o seu proxecto para a cidade está baseado "na loita pola igualdade e na mellora da calidade de vida" para todos os veciños
 

Caballero participou este sábado en Pontevedra nunha xornada sobre política social. RAFA FARIÑA
photo_camera Caballero participou este sábado en Pontevedra nunha xornada sobre política social. RAFA FARIÑA

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, participou este sábado en Pontevedra nunha xornada sobre a importancia da política social, un marco no que garantiu a aposta do PSOE polos dereitos sociais, mentres que outros partidos "só ven prezos". 

Neste foro, no que participaron representantes de entidades sociais no campo da diversidade funcional ou da loita contra o Alzheimer, Caballero destacou que "non todos os partidos pensan o mesmo da política social", xa que algúns "só ven os prezos" do mercado. "Porque o máis importante que hai é o dereito de todos os cidadáns a ter posibilidades de prosperar e de ter unha vida digna", engadiu. 

A continuación, o líder do PSdeG abordou os compromisos dos socialistas no relativo aos sistemas públicos de pensións, educativo e sanitario, así como no referente á dependencia, á diversidade e á loita contra a pobreza infantil, nun "momento de elevados niveis de desigualdade". 

"Somos a mellor garantía para o sistema público de pensións", reivindicou Gonzalo Caballero, que destacou tamén a educación como "mecanismo fundamental de igualdade e de xustiza social" e tamén "de posibilidades de futuro para o país". 

É por iso, agregou, que o compromiso do PSOE de Pedro Sánchez de cara ao próximo 28 de abril pasa por "elevar o investimento na educación pública" até o 5% do PIB e por avanzar para facer gratuítas as prazas de gardaría para nenos até os tres anos.

FEIJÓO, "NEFASTO PARA A SANIDADE". No ámbito sanitario, Caballero dixo que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, foi "nefasto" neste campo, en referencia aos distintos conflitos abertos en Puntos de Atención Continuada ou Urxencias. 

"Déixannos unha sanidade con menos camas, con menos persoal, con problemas na pediatría, nas urxencias e nos PAC", enumerou o secretario xeral, que mostrou a súa "preocupación" ao ver que Feijóo "non aprendeu nada" do sucedido na Estrada, onde un home faleceu nun centro de saúde no que non había médico porque se desprazou a unha urxencia. 

Tras destacar cuestións como que o Goberno socialista devolveu a cotización ás coidadoras dos dependentes e que garantiu o dereito ao voto a 100.000 persoas con diversidade funcional, o líder do PSdeG evidenciou que o 28 de abril póñense sobre a mesa "dous modelos radicalmente contrarios". 

Trátase, explicou Gonzalo Caballero, de elixir entre "políticas públicas para a maioría, que non deixen a ninguén na cuneta" ou formulacións "liberais" de quen "cuestiona as pensións públicas" e "os fundamentos dun país con máis igualdade".

POLÍTICA PARA "QUEN MÁIS O NECESITA". Pola súa banda, a secretaria local do PSOE en Pontevedra, Maica Larriba, fixo fincapé na importancia da política social para "non deixar a ninguén polo camiño" na saída da crise, fronte ás "políticas neoliberais do PP". Os socialistas, proseguiu, fan "política para quen máis o necesita". 

A continuación, Tino Fernández, o candidato socialista á alcaldía de Pontevedra, destacou que o seu proxecto para a cidade está baseado "na loita pola igualdade e na mellora da calidade de vida" para todos os veciños. 
 

Comentarios