Opinión

Café e Paz

COLOMBIA É un pais espectacular que tivo a mala fortuna de ter que loitar contra o terrorismo durante moitos anos. Nas tres últimas décadas só nos chegaban malas noticias do país do café por excelencia. Nos oitenta e primeiros do noventa, as súas xentes tiveron que ver como nacía un fenómeno que asustou a todo o mundo, o narcoterrorismo, liderado por un dos tipos máis poderosos e violentos do mundo, Pablo Escobar. Foron momentos nos que a cocaína comezaba a ser a principal fonte de riqueza do mundo e os narcotraficantes non dubidaban en rebentar avións cheos de xente ou incluso asaltar todo un parlamento para lograr que o goberno os deixase tranquilos. Tras a senda de Pablo Escobar a apreceu o Cártel de Cali, que se ben pretendía ser un chisco menos violento, o certo é que asolou o país durante a década dos noventa. 

En paralelo, unha sorte de guerra interminable asolaba aos colombianos. Nun bando, estaban os guerrilleiros das FARC e dun cento de grupúsculos que buscaban a salvación do mundo. Por outro, os paramilitares, que non confiaban no goberno para acabar cos revolucionarios e que coqueteaban cos narcotraficantes para que os guerrilleiros non lle escarallasen o negocio, que fundamentalmente se desenvolvía no medio da selva. E por outro os distintos gobernos, que non daban feito a pelexar nin con uns nin con outros. Sen embargo, pouco a pouco, e con decisións polémicas que a Historia xulgará, os distintos presidentes, desde Gabiria ata o actual Santos, foron aplacando todos estes males que provocaban un inmenso problema social e humano para o país. A firma do acordo de Paz entre o goberno e as FARC parecía ser un punto e final a catro décadas onde Colombia era sinónimo de violencia, e non de café. 

Sen embargo, produciuse un fenómeno auspiciado pola democracia que non estaba nas quinielas, igual que o Brexit. O pobo falou e dixo que non a un tratado que todo o mundo vía con ilusión. E dixo que non, pero non dixo que pasaría ao día despois. No fondo, non é malo que o goberno perda un referendum, porque parece un síntoma de transparencia moi interesante nestes países, pero en este caso concreto as consecuencias poden ser demasiado graves. É difícil que as FARC volvan á selva e tamén é difícil que os militares se subleven contra o non popular, pero o certo é que nalgún momento ten que aparecer un Si, para evitar que isto se converta noutro conflito. 

A comunidade internacional xa falou. Onte mesmo concedéronlle o premio Nóbel ao presidente Santos, un tipo nacido na burguesía ao contrario que Álvaro Uribe, un señor que decidiu ser alcalde de Medellín cando non había máis lei que a dos narcos e que non está disposto a perdoar o que os das FARC fixeron durante trinta anos. Sen dúbida, é un posicionamento claro e un respaldo ao proceso, a sabendas de que os colombianos dixeron que non. Espero que esta estratexia internacional acabe tendo efecto nos negociadores e nos cidadáns, porque todos nos merecemos que Colombia, volva ser o país de Juan Valdéz.

Comentarios