Caldas de Reis contrata o plan para restaurar o Xardín Botánico

O plan será coordinado polo enxeñeiro Pedro Calaza
2020092015033111760
photo_camera O enxeñeiro agrónomo Pedro Calaza é o coordinador do plan. CEDIDA

O Concello de Caldas de Reis aprobou a contratación do proxecto técnico de restauración do Xardín Botánico, catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC). Este documento estratéxico é un requisito necesario para poder acceder ás axudas do Goberno central para a conservación do patrimonio arquitectónico dentro do marco do 1,5% cultural, así como a outras liñas de subvención. O plan será coordinado polo doutor, enxeñeiro agrónomo e arquitecto da paisaxe, Pedro Calaza, que dirixirá para o seu desenvolvemento a un equipo multidisciplinar con experiencia en traballos deste tipo. O Concello destina un orzamento de 12.400 euros.

O Plan de Restauración do Xardín botánico servirá fundamentalmente para marcar baixo criterios técnicos e profesionais a planificación regrada do mantemento, conservación e reposición do espazo. Porén, incluirá un estudo histórico do conxunto e unha análise pormenorizada das alternativas a desenvolver para a súa conservación que terá en conta as propostas técnicas, os materiais a aplicar, o mobiliario ou o equipamento. Ademais, o documento complementará o Plan Director do Arborado, que inclúe propostas de mellora e xestión integral dos espazos formados pola Carballeira e o Xardín Botánico.

O Xardín de Caldas de Reis remóntase a 1884. Neste enclave atópanse 400 árbores de especies chegadas dos 5 continentes, especialmente de América. Tamén destaca a súa gran colección de camelias.

Comentarios