O campus deseña proxectos a prol da infancia e a muller en Brasil e Uruguai

Os estudantes desenvolveron aplicacións, un filtro de auga e unha plataforma de inserción laboral para cooperar con Sudamérica

Tres dos participantes nos cursos. DUVI
photo_camera Tres dos participantes nos cursos. DUVI

Un filtro de auga de baixo custo, unha plataforma de axuda á inserción laboral de mulleres en situación de risco, unha aplicación para combater a obesidade infantil e unha app que propón xogos a nenos e nenas. Estas son catro das propostas que, coa participación de catro estudantes do campus, alumnado de diferentes países e titulacións desenvolveu nas últimas semanas en Brasil e Uruguai no marco das actividades do proxecto Lapassion (Latin America Practices and Soft Skills for an Innovation Oriented Network), unha iniciativa financiada polo programa Erasmus+ na que participan 15 institucións de España, Portugal, Finlandia, Brasil, Chile e Uruguai, entre as que figura a Universidade de Vigo a través do Campus Crea.

Coordinado polo Instituto Politécnico do Porto, o proxecto promoveu nas cidades brasileiras de São Luís e Uberaba e na capital de Uruguai unhas estadías de dez semanas nas que tomaron parte os alumnos do campus Patricia Gómez, Javier González, Alejandra Castro e Rocío Solla e nas que o alumnado debía traballar no desenvolvemento de proxectos interdisciplinares dirixidos a promover melloras para a comunidade. Como balance destas semanas, cada sede acolleu nestes días un Demo Day, unha xornada de presentación de proxectos, que se viu precedida á súa vez por unha serie de xuntanzas dirixidas a avaliar os procesos de calidade deste proxecto, no que a Universidade de Vigo é responsable do plan de calidade.

Contribuír á mellora do índice de desenvolvemento humano (IDH) no estado brasileiro de Maranhão constituía o reto ao que estudantes de cinco países se enfrontaron no campus do Instituto Federal de Maranhao (Ifma), en Sao Luis. Reto que o grupo que integraban Javier González, alumno do máster en Dirección Pública e Liderado Institucional, tres estudantes das áreas de química e enxeñaría do Ifma e un alumno do Instituto Federal de Alagoas (Ifal) centrou na mellora da calidade da auga potable na poboación de Santo Amaro de Maranhão. "Percibimos que o 30% da poboación do lugar corresponde a estudantes e decidimos pór o noso foco nos colexios", explica González Penedo dun traballo que os levou a desenvolver o prototipo dun filtro reciclable, ecolóxico e baixo custo de bambú.

Esta proposta foi presentada no Demo Day, ao igual que o proxecto desenvolvido polo grupo que a alumna da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Patricia Gómez compartía cunha cunha estudante de agroecoloxía do Instituto Federal do Amazonas (IFAM) e dous estudantes de sistemas de información e enxeñaría civil do Ifma. No seu caso, o desafío centrouse en "propor un servizo dixital para axudar ás mulleres en situación de risco en São Luís", o que lles levou a deseñar unha plataforma para apoiar ás institucións publicas que traballan con este colectivo de cara a inserilas no mercado laboral.

Coordinadas pola Universidad da República (Udelar) e a Universidad Tecnolóxica (Utec), as estadías de Lapassion en Montevideo centráronse na mellora das condicións de vida da infancia. Nesta sede, Rocío Solla traballou xunto a estudantes de deseño industrial, medicina e enxeñaría do Udelar e do IF Sul no deseño dunha aplicación "deseñada para combater o altísimo índice de obesidade infantil" neste país. "Tentamos seducir ao neno mediante o xogo da importancia da alimentación na súa saúde",

Alejandra Castro traballou en Uruguai nunha App para a interacción dos nenos co entorno no transporte público.

Valoracións. "A experiencia foi enriquecedora"
"A experiencia foi tremendamente enriquecedora, aínda que máis esixente do que inicialmente pensaba", salientou Rocío Solla, unha das participantes na iniciativa. A posibilidade de "descubrir outros puntos de vista, outras formas de traballar e vivir" é así mesmo un dos aspectos salientados por Alejandra Castro dunha estadía que rexistrou nun blog como parte do seu traballo final para o mestrado". Traballar nun ambiente internacional e mergullarse nunha nova cultura sempre é unha magnífica maneira de crecer", engade Javier González mentres que Patricia Gómez salienta como "moi positiva e chea de aprendizaxes" unha estadía que lle permitiu tamén participar como auxiliar de conversa nas aulas de español da Universidade Federal do Maranhão.

Comentarios