O Canteira Fest de Vilaboa preséntase coa etiqueta de festival 'todo friendly'

De Vacas, The Tetas Van, Os Meninos, The Lelly Kelly’s e Son da Rúa actuarán o 22 na Canteira das Lapas de Paredes

A presentación do festival, con Xosé Leal, Ornela Fernández e os impulsores vestidos con mandís morados. DP
photo_camera A presentación do festival, con Xosé Leal, Ornela Fernández e os impulsores vestidos con mandís morados. DP

Todo friendly ou Amigo de todo. Esta é a etiqueta coa que este luns se presentou na sede da Deputación Provincial o Canteira Fest, un festival que conta con apoio da Deputación e do Concello de Vilaboa pero que, como destacou o deputado de Cultura, Xosé Leal, "é importante porque está feito pola base".

É dicir, que foron os mozos e mozas do municipio os que se decidiron a asociarse e organizar unha iniciativa cultural e musical á medida dos seus gustos. Clara Dans, unha das impulsoras, explicou o luns que "viñamos vendo que eramos moitos os que non nos conformabamos coas orquestras das festas", cando decidiron darlle forma a este festival. Unha cita, segundo Clara, na que "se es un machista non serás benvido, porque condenamos ás manadas e todo tipo de manifestacións desas, na que haberá un Punto Violeta para previr condutas machistas e na que "somos LGTB friendly, pet friendly e family friendly. Todo friendly, en resumo". Máis aló desa etiqueta que chama á apertura e á integración de distintas xeracións e correntes, o festival tamén se declara feminista "porque o futuro, ou é feminista ou non é", e nesa liña se postula presentándose con mandís morados, en homenaxe ao matriarcado, e con lemas como Na miña cona non manda ninguén, un dito popular que protagoniza o vídeo promocional do festival.

A cita será o vindeiro sábado 22 e a programación durará toda a xornada, desde primeira hora, de cara a poder combinar elementos pensados para os máis cativos, como a festa da escuma, con outros de carácter cultural, como os coloquios, que están pensados para sacar por sobre o tapete a reflexión sobre o papel da muller no mundo da arte, da escena e da creación.

Os concertos propiamente ditos iniciaranse ás 20.00 con Migallas e a súa actuación para os máis cativos. A iso das 21.30 e ata as 22.45 será a quenda de The Tetas Van, mentres que De Vacas estarán no escenario natural da Canteira das Lapas a partir das 23.00 horas. Ao termo actuarán Sondarúa, e a iso das 3.00 da madrugada a música pasará a ser cousa de The Lelli Kelly's. Ao termo desta actuación un DJ encargarase dunha sesión "ata que o corpo aguante", en palabras da propia organización.

O Canteira Fest terá tamén postos de artesanía e food truks nos que se poderán degustar diferentes variedades de petiscos ao aire libre.

Outra das facetas deste festival é o interese por ser económico e accesible a toda a mocidade. Deste xeito, aínda que os organizadores non puideron conseguir unha liña de buses, acadouse un acordo cos autopatronos de Vilaboa para que os traxectos en taxi sexan máis económicos desde o punto central do festival ata a zona de acampada. "A zona de acampada será no pavillón do Toural, porque non nos daba tempo a que se acondicionara un espazo en condicións, pero desde alí ata o lugar do festival os traxectos en taxi (compartido) serán dun euro por persoa", apuntou a concelleira de Promoción Económica, Ornela Fernández Salgado.

A programación diurna desenvolverase coa música de Sheila Patricia (12.00) e a actuación de Os Meninos, grupo seleccionado dos Domingos con encanto desenvoltos para promover e financiar este festival (13.30 horas); así como cunha Jam Session, desde as 14.30. Pola tarde haberá xogos desde as 16.30 horas e unha festa da escuma ás 18.00, mentres que noutro espazo da Canteira das Lapas se desenvolverá un coloquio sobre a muller na cultura coa actriz Isabel Risco, a escritora Tamara Andrés, a actriz María Costas e a cantante Xulia María.

Comentarios