Opinión

Carles, vou cortar o pelo

DIN QUE me parezo fisicamente a Puigdemont e, visto o visto, non o podo negar. Pola rúa decateime de dúas cousas: a mala educación que teñen algunhas persoas e que todo o mundo coñece ao político catalán. No reino (refírome a España, claro) pasou do ser un anónimo á fama nun tempo récord; non en balde acapara máis portadas e horas de tele que ninguén e é un verdadeiro fenómeno nas redes sociais. Sen ningunha dúbida é o personaxe ‘español’ (con comiñas, como a el lle gustaría) do ano. Xa que logo, empatizaba con Puigdemont. Defender o referendo sobre a independencia de Cataluña coa palabra e de forma pacífica parecíame o correcto, máis aló de convir con el. Todos sabemos que para conseguilo tería que ‘tourear’ a lei dunha forma ou outra, pero fíxoo sen sangue. Na miña mocidade, día si e día tamén os informativos abrían cos asasinatos da banda terrorista Eta, que defendía a autodeterminación de Euskadi, e isto deixoume pegada. Deste xeito, empeñeime en crer na súa sensatez ata que a crebaron as súas mentiras sobre a consulta trapalleira do 1-O, non ensinar o voto na DUI de Cataluña (un día histórico, dicía), apelar á rebelión civil, irse e deixar sós no cárcere ao seu Goberno... Ti, Carles, que cobras ‘molts diners’ por asumir precisamente esas responsabilidades. Non Carles, así non. Así non empatizo contigo. Sinto dicirche que non aguanto máis, que vou cortar o pelo para que ninguén máis me confunda contigo.

Comentarios