O actor e monologuista Carlos Blanco e o debuxante Luís Davila (que xa compartiron escenario en espectáculos como ‘Menú do día’) serán os presentadores dos V Premios Martín Códax da Música. Así se anunciou onte, na presentación da gala que terá lugar o 9 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra. De igual maneira, fíxose público que os músicos que recibirán este ano o premio honorífico que entrega a asociación Músicos Ao Vivo, promotora destes recoñecementos, serán os baixistas (e mestres de música) Pepe Bordallo, afincado en Vigo, e Quique Alvarado, que vive na Coruña.
A concelleira de Cultura, Carme Fouces; o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; a representante das adegas Martín Códax (patrocinadoras dos galardóns) Yara Bueno, e o voceiro de Músicos ao Vivo, Ramón Bermejo, foron os encargados de presentar onte en Pontevedra a gala do 9 de maio. Con anterioridade, o pasado mes de abril, a organización do evento xa realizara unha festa de presentación dos candidatos aos galardóns nas adegas que os patrocinan. Segundo lembrou Bermejo, aos premios presentáronse este ano 449 proxectos. Deles serán finalmente 54 os que opten a facerse con algún recoñecemento nas 15 categorías existentes: doce delas musicais e tres extramusicais (salas, festivais e medios de comunicación).
Bermejo tamén lembrou que o dúo formado por Blanco e Davila lle toma o relevo a Chévere e á Panadaría como mestres de cerimonias nos Martín Códax.
Streaming
A gala, que inclúe actuacións musicais en directo, poderase seguir ademais en streaming (transmisión en directo vía internet) a través da páxina web dos galardóns, www.premiosmartincodaxdamusica.com, e da Televisión de Galicia (TVG), www.crtvg.es.