Imprimir

Carlos Núñez: "Todo indica que a música existía xa na Idade de Bronce"

Diario de Pontevedra | 11 de julio de 2019

Carlos Núñez. RAFA FARIÑA
Carlos Núñez. RAFA FARIÑA

O Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro acoole o domingo unha cita co gaiteiro. Actuará só para 200 persoas

'La hermandad de los Celtas', o libro que vén de publicar en 2018 fala da cultura celta presente na súa música. É posible relacionar as melodías celtas tamén coa Arte Rupestre de Campo Lameiro?
A realización do libro levoume tres anos, e unha das sorpresas foi que os arqueólogos se converteron nos meus mestres. Os musicólogos son uns especialistas que teñen unha visión concentrada, igual máis pequena da arte. Os arqueólogos teñen unha visión ampla: a big picture, que inclúe todo tipo de disciplinas. Iso foi o que nos levou ata o concepto de longue dureé, ou a conciencia de que a historia non está fragmentada. A separación de Idade Media, Barroco, Renacemento é formal, pero non foi así na realidade. Así que hai unha continuidade, unha transmisión a través da oralidade e de distintos medios. E do mesmo xeito que un arqueólogo atopa un exemplo de como se aplicaron técnicas da Idade do Ferro nunha época posterior, tamén podemos pensar que os instrumentos estaban aí. E non sería lícito pensar que parte da música que se facía entón puidese chegar ata nós mediante a transmisión da tradición?

Pero é moi difícil imaxinar como chegar a evidencias desa transmisión ao longo do tempo... 
Hoxe temos métodos para ir coñecendo como eran esas músicas de hai mil anos. Ata hai instrumentos. Por exemplo, o arqueólogo que nos acompañará o domingo no concerto (a charla previa iníciase sobre as 18.30 horas), Manuel Santos Estévez, atopou unha lira gravada nun petróglifo. E tamén existe constancia da frauta que se atopou nun castro. É posible e, efectivamente, pode ser entendida como música celta, a que se nutre desa música orixinaria.

Visto así, os gravados de Campo Lameiro ben poden ser partituras, ou letras de cancións...
Nas pedras atopamos cervos, armas,... Historias que se nos contan e algúns especialistas pensan que nelas están recollidas as que poderían ser as raíces das cantigas de muller europeas ou as cantigas de amigo. Os especialistas son capaces de ler no rock art cousas que chegaron ata anós grazas á poesía e ás cancións. Hai técnicas da poesía e da música como o leixaprén que buscaban o encantamento. E moitos arqueólogos atopan que o ‘estado alterado de conciencia’ pode provir de símbolos que se representan nalgúns deses petróglifos, como as espirais, ou outros que poderían ser arte feito baixo o estado alterado de conciencia.

O home da Idade de Bronce non é o que imaxinamos. Todo indica que a música xa existía coas escalas e modos actuais

Ao pensar na música da Idade de Bronce, un pensa en percusión...
Hai anos non tiñamos os coñecementos para conectar os restos arqueolóxicos coa música tradicional. Hoxe temos moitos avances e podemos evitar o primitivismo que pervive na nosa imaxinación. O home da Idade de Bronce non é o que imaxinamos e todo indica que a música xa existía, coas mesmas escalas, modos e moitos dos instrumentos actuais. Aquela xente, igual que a da Idade Media, se manexaba con gran sutilidade. Se esa noite, a do domingo, conseguimos sentir como sentían os autores dos gravados rupestres poderemos descubrir algo inexplorado ata o momento.

Como foi a súa experiencia no Parque Arqueolóxico, preparando este concerto, que será ao aire libre?
Estiven buscando as localizacións e é fascinante como alí se atopan acústicas perfectas. Nalgúns puntos poderíase falar en tono normal e oiríano mil persoas. Esas esceas nas películas nas que un exipcio se dirixe a centos de persoas e o escoitan. Pois iso existe. Outro detalle que atopei foron as reverberacións. Hoxe en día calquera cantante quere rever na voz. Pois esa sensación máxica do rever xa está na arquitectura das igrexas. Pero, de onde aprendeu a Igrexa? Ese efecto xa estaba aí e chega das covas e dos espazos que habitou o home hai miles de anos.

Galicia destina a tickets (de rock e pop) o que debera investir en Sanidade e Educación De aí xurdiu esta xira en lugares únicos

A actuación de Campo Lameiro para 200 persoas é única pero non o é de todo, pois planea vostede outras igual de singulares...
A actuación pertence a unha xira chamada Lugares Máxicos de Galicia. Inicieina hai dous anos ante o problema que detectei de que o diñeiro público está sendo destinado a pagar rock e pop en festivais e a música tradicional está abandonada. Entre o Monte do Gozo e Castrelos nos últimos dous anos gasaron 10 millóns de euros en rock e en pop e iso queima o tecido da música de raíz. Galicia está despistada, destina a tickets o que tiña que ir a Educación ou a Sanidade. Ante iso, xurdiu esta xira que só ten concertos apoiados polo público e que se realizan en lugares únicos como o PAAR, o dolmen de Dombate, en mosteiros...

E que outras paradas terá este verán esa serie?
Este verán haberá outros concertos en lugares moi fermosos: na catedral de Mondoñedo, no Mosteiro de Oseira, no claustro de Santo Estevo de Ribas de Sil, no castelo de Monterrei, no claustro de Celanova. Cada concerto estudouse dun modo diferente e os repertorios serán especiais, Imos traer músicos diferentes para cada ocasión.

E en Campo Lameiro, que sorpresas haberá?
Non as desvelarei todas: pero teremos invitados e que haberá instrumentos propios da Idade de Bronce, cornos, sons espectaculares... Estou moi ilusionado porque ademais vai vir moita xente de fóra pola curiosidade que espera. Unha recomendación que facemos, que veñan persoas con capacidade auditivas normais. O oído irase abrindo, porque irá en acústico puro. O sonido amplificado é como unha droga á que estamos acostumados os humanos.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/cultura/carlos-nunez-todo-indica-musica-existia-xa-idade-bronce/201907111134511043438.html


© 2019 Diario de Pontevedra

Lepanto 5, Pontevedra

Tlfno: 986 011 100

(Grupo El Progreso)