A Cátedra Saramago une 16 entidades de estudos lusófonos na rede Jaricca

O Campus de Pontevedra acolle ata este mércores as IV Xornadas Internacionais na honra do Premio Nobel portugués
Presentación das xornadas internacionais na Casa das Campás. DAVID FREIRE
photo_camera Presentación das xornadas internacionais na Casa das Campás. DAVID FREIRE

A Cátedra Saramago da Universidade de Vigo (UVigo) vén de crear Jaricca, unha rede internacional que agrupa 16 entidades de estudos lusófonos: as seis cátedras que levan o nome do escritor portugués xunto con outra serie de cátedras, centros de investigación e colectivos. O seu obxectivo, "a creación de sinerxías e de proxectos de colaboración no ámbito dos estudos lusófonos, a través da docencia, da investigación e das actividades culturais", segundo recolle o diario dixital da UVigo (www.uvigo.gal).

Jaricca foi presentada este luns, na Casa das Campás, durante a inauguración das IV Xornadas Internacionais da Cátedra José Saramago, que se celebrarán ata mañá no Campus de Pontevedra e que tratan de poñer en relación a obra e o pensamento do Nobel coas problemáticas sociais e ambientais contemporáneas.

Saramago e os desafíos do noso tempo é o título das xornadas nas que este ano participan investigadores e investigadoras de España, Portugal, Alemaña, Arxentina, Brasil, Israel, Italia, México e Portugal, así como parte dos e as responsables das diferentes entidades que integran a nova rede Jaricca.

"Nesta cuarta edición, queremos destacar a ética do compromiso político e social coa realidade que nos ensinou o autor", dixo o director da Cátedra Saramago, o profesor Burhard Baltrusch, en palabras recollidas polo Duvi. Bastrusch estivo acompañado na inauguración do ciclo pola conselleira de Educación, Carmen Pomar; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o vicerreitor do Campus, Jorge Soto, e o director da Fundaçao José Saramago, Sérgio Letria.

EIXES. As IV Xornadas da Cátedra Saramago (catedrasaramago.webs.uvigo.gal) artículanse arredor de tres eixes, segundo lembrou Baltrusch e recolle o Duvi. Por unha banda, "a crise climática", tema da conferencia inaugural do escritor, educador, investigador e activista, Grian A. Cutanda, un dos impulsores en España do movemento Extinction Rebellion.

Por outra, "a cuestión da responsabilidade individual", centrada na carta dos deberes e obrigas que a Fundaçao Jose Saramago entregaba recentemente a ONU. O terceiro eixe é a reflexión arredor da "crise sen precedentes das humanidades".

O programa complétase coa obra de teatro 3991: paisaxe sen horizonte, no IES Valle Inclán, e coa estrea das curtas A Desforra e O Embargo, realizadas, a partir de contos de Saramago, por alumnado de Belas Artes.