A cativada sae á procura do tesouro

Os 170 nenos e nenas dos obradoiros municipais de expresión dramática que coordina Migallas remataron o curso enfrontándose ao pirata Escarapote no Recinto Feiral

Un momento da actividade de onte con María Campos (con camisola negra e vaqueiros) liderando a expedición dos piratas limpos. GONZALO GARCÍA
photo_camera Un momento da actividade con María Campos (con camisola negra e vaqueiros) liderando a expedición dos piratas limpos. GONZALO GARCÍA

Obxectivo: localizar o tesouro do pirata Escarapote. Que nunca o pon sinxelo. A expedición dos piratas limpos, conformada por 170 nenos e nenas de seis dos oito obradoiros de expresión dramática Á procura do tesouro, que coordina a compañía Migallas, saíu este mércores pola tarde co firme propósito de facerse coa fortuna do corsario. Escarapote é un digno adversario, pero a cativada do obradoiro municipal leva un ano preparándose para este momento. O pirata non tiña nada que facer.

En imaxes, os mellores momentos da xornada celebrada no Recinto Feiral

O Recinto Feiral acolleu a actividade de final de curso desta proposta que leva os participantes a enfrontarse a unha serie de probas en forma de xogos populares. Migallas coordina dende os seus inicios este taller de expresión dramática, plástica e musical. Este ano celebrou a súa vixésima edición.

"Esta actividade supón o remate de seis dos oito obradoiros que se desenvolveron durante este ano no Pazo da Cultura ao longo de 22 sesións e nos que participaron un total de 190 rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 4 e os 17 anos", lembra Migallas. "Durante estas sesións os nenos e nenas descubriron e fomentaron os seus recursos expresivos e desenvolveron as súas capacidades creativas mediante o xogo".

Os obxectivos do obradoiro cúmprense a través dun traballo de coñecemento e reinterpretación da arte de creadores galegos como Laxeiro e renacentistas italianos como Sandro Botticelli, Leonardo da Vinci, Miguel Anxo Buonarroti e Rafael Sanzio. O que propón Migallas é un achegamento á arte "sen ningún tipo de traba".

A cativada dos outros obradoiros de Á procura do tesouro rematou o curso realizando representacións de obras da súa propia autoría no Teatro Principal ao longo dos últimos días.

Comentarios