Catro coches baten en cadea no Corredor do Morrazo

Non se rexistraron feridos na colisión, que tuvo lugar á altura de Moaña

Ambulancia. EP
photo_camera Ambulancia. EP

O Corredor do Morrazo recuperou a normalidade despois de que se rexistrase en Moaña unha colisión na que se viron implicados catro vehículos.

Por fortuna, ninguén resultou ferido e o persoal da Axencia Galega de Infraestruturas encargouse da limpeza e retirada dos restos provocados polo accidente co fin de restablecer canto antes as condicións de seguridade na vía.

Eran as 5.30 horas desta madrugada cando a chamada dun particular ao 112 Galicia alertaba dun vehículo que se saíu do carril e bateu contra a mediana á altura do quilómetro seis do Corredor en sentido Cangas. As cinco persoas que viaxaban no interior saíron do coche polos seus propios medios e en perfecto estado de saúde. 

Sen embargo, a posición na que quedou o vehículo, que invadía completamente o carril, provocou que outros tres coches que viñan atrás bateran contra o primeiro. Con todo, ninguén necesitou asistencia sanitaria e, desde o 112 Galicia, pediuse a colaboración dun equipo da Axencia Galega de Infraestruturas para a retirada dos restos do accidente e devolver así a normalidade e seguridade na vía.

Ademais, os xestores do 112 avisaron aos axentes da Garda Civil de Tráfico e deron conta do suceso á Policía Local.  

Comentarios