O Centro Méndez Núñez rompe barreiras neste certame de murgas

A asociación de persoas con discapacidade participará activamente no Entroido para conmemorar o seu 30 aniversario

Usuarios da asociación preparando unha exhibición, esta semana. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Usuarios da asociación preparando unha exhibición, esta semana. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Tres décadas de historia dan para moito. Por iso a asociación Méndez Núñez, que chegou á trintena en 2018 preparou para todo este ano unha serie de actividades para celebralo. Unha delas, quizáis a máis rompedora é a súa participación no próximo Certame de Murgas, unha cita habitual do Entroido pontevedrés na que nunca participara un colectivo de persoas con discapacidade. En 2019, os usuarios e usuarias do Centro Méndez Núñez racharán con esa barreira. A coordinadora de actividades da asociación, Fátima Freaza, ensaia xunto aos usuarios estes días para preparar a súa participación no concurso. "Trataremos temas que nos afectan, como os dereitos das persoas con discapacidade", adianta.

A participación dunha murga de persoas con discapacidade é un paso máis para que o certame que se celebra anualmente en Pontevedra sexa cada vez máis inclusivo. Hai uns anos, participaba no mesmo concurso unha murga integrada unicamente por mulleres. Desta vez, 2019 será o ano no que as persoas con discapacidade intelectual terán tamén oco no dito concurso.

Porén, ao longo deste ano levarán a cabo moita máis iniciativas. A primeira terá lugar este martes, 15 de xaneiro, cando as persoas con diversidade funcional que integran a asociación farán unha demostración pública de habilidades físicas que terá lugar na Praza da Peregrina a media mañá. O obxectivo: visibilizar e dar a coñecer o traballo dunha entidade que presta servizo a 30 persoas.

Pero na súa orixe, este centro non estaba pensado para persoas con discapacidade intelectual. Explícao a directora da asociación, María Luisa Dónega: "En un principio prestábamos un servicio a adultos que no se habían integrado en la educación ordinaria, como un centro de formación para personas que no tenían el graduado escolar", recorda. Co paso do tempo, comezaron a chegar casos de persoas con discapacidade intelectual cuxo tránsito pola educación ordinaria rematara e non tiñan opcións de integrarse no mercado laboral. Así foi como o Centro Méndez Núñez comezou a variar a súa actividade. "Estudiamos las necesidades de esas personas para saber qué podíamos ofrecerles", conta. Deste xeito, a asociación comezou cun grupo de tres persoas con diversidade intelectual ofrecendo apoio e formación en todos os eidos, non só importaban os coñecementos para o traballo, que tamén, senón que se busca mellorar as habilidades sociais e para a vida diaria. Deste xeito, nos últimos anos introducíronse actividades como a informática ou o deporte e incorporáronse novos servizos á asociación.

Por unha parte, en 2005 habilitouse unha vivenda tutelada na que hai prazas para dez persoas. "Había personas sin familia o con problemas para poder venir todos los días y por eso se hizo necesario crear una residencia", conta Dónega. Deste xeito, existe a opción de vivir no piso de luns a venres, só as fins de semana ou en momentos puntuais como unha axuda ás familias que precisan apoios puntuais para o coidado das persoas con discapacidade.

Por outra parte, a asociación creou tamén un Centro Especial de Emprego, unha empresa que conta con cinco traballadorea adicada á inclusión no mundo laboral de persoas con discapacidade. Deste xeito, tres dos empregados son persoas con discapacidade que venden produtos de artesanía e mobiliario e dous son persoas sen discapacidade que funcionan como apoios á inclusión.

As actividades: Deporte, teatro e turismo activo
Dentro da programación de actividades que prepara o Centro Méndez Núñez polo seu 30 aniversario , os usuarios da asociación realizarán varias actividades. Así, o martes farán unha exhibición de habilidades físicas na Praza da Peregrina.

No Entroido, estrearanse como murga no certame que se celebra cada ano na cidade. En abril, terá lugar unha xincana accesible pola cidade de Pontevedra e en maio realizarán unha representación teatral no Principal. Para rematar, en xuño, realizarán o Camiño de Santiago coa asociación Discamino.

 

Comentarios