Imprimir

'Cerponzones' existe segundo Google

Sara Vila | 15 de enero de 2020

Un home camiña xunto a un dos letreiros da cidade de Pontevedra. DAVID FREIRE (ADP)
Un home camiña xunto a un dos letreiros da cidade de Pontevedra. DAVID FREIRE (ADP)
Pontevedra e o seu entorno non se libran da castelanización da toponimia por parte do xigante das búsquedas na Internet ►Activistas pola normalización do galego denuncian a deturpación dos nomes propios dos lugares e os perxuízos que isto provoca

A parroquia de Cerponzones, as prazas de La Leña ou La Herrería e o concello de Poyo existen para Google. O grande das procuras na rede mantén na súa aplicación de mapas a denominación traducida ao castelán de moitos dos nomes dos lugares de Galicia. Este asunto ten causado queixas e reclamacións por parte de entidades como a Mesa pola Normalización Lingüística e Pontevedra e o seu entorno non é allea á castelanización da súa toponimia, máis propia doutras épocas.

Deste xeito, nas prazas do centro da cidade emprégase a variable en castelán para a Praza da Ferrería e a da Leña, mentres en boa parte das rúas se respectan os nomes oficiais. Ademais, Google tamén modificou o nome da Avenida María Victoria Moreno, que ata hai dous anos levaba o nome do militar e político franquista Fernández Ladreda.

No que se refire ás parroquias do rural do Concello de Pontevedra, Google mantén topónimos como Cerponzones no canto de empregar a versión oficial, Cerponzóns. "Estes erros teñen consecuencias porque, aínda que no caso de Cerponzones sexa fácil entender que se refire a Cerponzóns, existen outros casos en núcleos máis pequenos como pode ser, por exemplo, cambiar Soutelo por Sotillo, que causan problemas aos habitantes desas zonas para recibir correspondencia ou paquetería nos seus fogares. Un cidadán pon correctamente o seu enderezo para recibir un obxecto e o repartidor non atopa o destino empregando o navegador de Google e non hai forma de facer chegar o paquete. A deturpación da toponimia ten consecuencias na vida social e económica da poboación". Así o explicaba este martes Marcos Maceira, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, entidade promotora da ILP polo Uso do Galego no Ámbito Socioeconómico que recollía este aspecto entre as súas peticións.

No entorno de Pontevedra existen numerosos casos de deturpación da toponimia. Sen ir máis lonxe, basta cruzar a Ponte da Barca para dar con un: Poyo. A versión en castelán do concello poiense non é a única. Caldas de Reyes, Puente Caldelas, Sotomayor, Villagarcía e Villanueva de Arosa, Sangenjo, El Grove ou La Lama son exemplos de concellos próximos que aparecen en Google coa súa versión en castelán. "Moitas veces trátase dun erro da Wikipedia, que é a fonte da que Google toma os topónimos", apunta Maceira. Do mesmo xeito, pequenos núcleos de poboación aparecen tamén modificados. Como Sabaxáns (Vilaboa), que para Google é Sabajanes; a praia da Lanzada, que aparece como La Lanzada, ou a denominada illa de La Toja no Grove.

Malia que a denominación oficial dos lugares é unicamente a galega dende hai 30 anos, a Mesa pola Normalización Lingüística lamenta que o propio Estado non faga esforzos para que se cumpra a normativa oficial. "O ente responsable de poñerse en contacto con Google para que corrixa esta situación debería ser o Estado, pero é o propio Estado o que moitas veces emprega mal os topónimos oficiais como é o caso, por exemplo do mesmo Instituto Geofráfico Nacional", conta Maceira. Así, dende pequenas asociacións, colectivos ou mesmo concellos é difícil chegar a contactar cun xigante da Internet como Google. Contas de Twitter como Topónimos Galegos chaman a atención de medios de comunicación e institucións para o uso correcto da toponimia cando se produce algún erro deste tipo.

EXEMPLOS

As prazas castelanizadas

plaza de la leña

As prazas de Pontevedra non son alleas á castelanización. Deste xeito, Google recolle como válidas a Plaza de la Herrería ou a Plaza de la Leña.

'Poyo' en vez de Poio

poyo

Poio aparece en Google Maps cunha denominación que ten máis de 30 anos, Poyo. O mesmo ocorre con concellos como Sanxenxo, Soutomaior, Vilagarcía ou Ponte Caldelas.

Nas parroquias e outros núcleos

cerponzones

Os pequenos núcleos adoitan preservar a súa versión oficial. Xeve, que se cambiou durante anos por Geve, aparece de forma correcta. Non ocorre o mesmo con Cerponzóns.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/pontevedra/cerponzones-existe-segundo-google/202001151703301069125.html


© 2020 Diario de Pontevedra

Lepanto 5, Pontevedra

Tlfno: 986 011 100

(Grupo El Progreso)