Opinión

A chave do medo ao cambio

VIMOS DE asistir, na Galicia e no resto do Estado, á excepcional mobilización do Día da Muller, alicerzada na súa absoluta centralidade e grande transversalidade, xa que foi quen de xuntar mulleres de distintas opinióna ideolóxicas, xeracións e capas sociais, amosando o que lles unía, mais tamèn a rica pluralidade en matices e propostas dos movementos feministas.

Sendo certo o substancial avance en políticas de igualdade nos últimos trinta anos é moito máis rechamante a aceleración na toma de conciencia das mulleres no seu conxunto e a modificación substancial dos seus roles profesionais e sociais. Fronte a este grande avance feminino os homes, en xeral, non evoluímos coa mesma velocidade e moitos ficaron apreixados do seu desexo de manter o "status" de poder historicamente desenvolvido. O avance do empoderamento feminino sementa o medo de millóns de homes ancorados nos seus roles tradicionais. É unha nidia manifestación do medo ao cambio.

Este medo ao cambio explica tamèn o rexeitamento de moitos (normalmente os mesmos que rexeitan o empoderamento feminino) a respecto dos avances do movemento LGTB, que son percebidos como persoas que atentan contra a moral e a sociedade tradicionais. Lembran vostedes a loita da dereita contra o matrimonio homosexual e o dereito á adopción das persoas LGTB? O bus dos de HazteOir? Outra vez o medo ao cambio.

O medo ao cambio e a comodidade co vello que non morre está detrás do apoio de millóns de cidadáns ás propostas recentralizadoras, extremistas e supremacistas da Santa Alianza do tripartito das dereitas. Estas persoas medoñentas e reaccionarias perceben inimigos nos galegos, catalans, vascos ou valencianos que queremos desenvolver a nosa vida na nosa lingua en igualdade de oportunidades cos que falan castelán ou que arelamos que o noso País poida organizar a súa vida política e promover o seu benestar social e económico facendo uso do autogoberno ao que ten dereito anterior á Constitución.

O medo ao cambio amósase no tripartito das dereitas extremas, mais tamèn no vello PSOE de Felipe, Guerra, Paco Vázquez,Borrell, Celestino Corbacho, N. Redondo Terreros). Amósase na fosilización dunha Constitución que respostou a un pacto entre demócratas e franquistas claramente caduco 40 anos despois.

O medo ao cambio agora vehiculizouse a medio dun proxecto inequívocamente reaccionario que, como sempre que o novo tarda en nacer tentará atrasar os cambios que serán inevitábeis. Un proxecto representado na Coroa como principal freo ao cambio

A mutación constitucional no territorial, a operatividade do dereito a decidir das nacións do Estado, require artellarmos fórmulas tan inclusivas como a transversalidade e centralidade amosadas este 8-M polos movementos feministas.

Comentarios