Unha chea de confeti para a despedida

A última xeira do ciclo de animación itinerante A Rebulir! puxo o remate a cinco días de diversión, nos que até dez compañías fixeron desfilar os seus espectáculos polo escenario ao aire libre no que ten convertido a cidade
Imaxe do pasarrúas.RAFA FARIÑA-BEATRIZ CÍSCAR
photo_camera Imaxe do pasarrúas.RAFA FARIÑA-BEATRIZ CÍSCAR

Após catro xornadas previas, venres, na véspera do comezo das Festas da Peregrina, tocaba dicirlle adeus ao A Rebulir!, o ciclo de animación de rúa que durante estes días fixo as delicias dos viandantes, tanto grandes como pequenos, cos que se foi cruzando ao seu paso polo casco histórico da Boa Vila.

Porque malia o descoñecemento do lugar de saída e do percorrido que farían as dez agrupacións participantes co fin de evitar as aglomeracións, así como a limitada interacción co público, o ciclo conseguiu encher, dadas as circunstancias, a alongada sombra que deixaba a ausencia do festival Itineranta, un dos selos de identidade da programación de verán de cada ano do Concello de Pontevedra.

Na tarde de venres, os primeiros en saír foron os integrantes de Barafunda Animación, que foron quen de encher as rúas da Boa Vila dunhas gargalladas que nin as máscaras obrigatorias conseguiron silenciar. O seu espectáculo, baixo o nome de 'O séquito do capitán Nemo', aglutinou moitos globos, un elemento característico da compañía, música, e algunha que outra falcatruada, que malia verse algo restrinxidas polas medidas de seguridade esixidas polo Concello, conseguiron facer desfrutar a todo aquel que se topou con eles.

 ​Os que saíron a pasear unha hora máis tarde tiveron a oportunidade de desfrutar co pasarrúas 'Tricirco', a proposta da compañía de performance do pontevedrés Pablo Méndez. Un verdadeiro espectáculo sen límites, sen ter en conta aqueles xa marcados pola situación sanitaria actual, que deixou coa boca aberta a máis dun dos alí presentes.

Comentarios