Chico Cesar: "Sinto que os nosos lazos culturais, afectivos e políticos son máis fortes"

Actúa o sábado no festival Cantos na Maré por terceira vez. Foi un dos compositores do himno do festival e nesta ocasión chega para actuar nun novo encontro ampliado, renovado e cheo de ilusión

Retrato de Chico Cesar. LUIZ GARRIDO
photo_camera Retrato de Chico Cesar. LUIZ GARRIDO

Cantautor, poeta e xornalista. Chico Cesar (1964, Paraíba) presentará en Pontevedra o seu álbum máis recente, ‘Estado de poesía’, unha contraposición aos estados burocráticos "que oprimen ás persoas máis que representalas ". É xa habitual e amigo do festival Cantos na Maré despois de participar na edición inaugural, no décimo aniversario do encontro e agora, cando Cantos na Maré vén de reconfigurarse para darlle unha maior dimensión ao festival. Chico Cesar considérase algo máis que lusófono, el é "ilusófono ", un concepto cargado de maxia e poesía, segundo el mesmo o define. Contesta ao teléfono pouco antes de embarcar no avión que o traerá á Boa Vila. 

Vén moito a Pontevedra.
Non teño certeza de cantas veces fun a Pontevedra. Moitas veces estiven en Galicia, en Vigo ou en Santiago, sen pasar por Pontevedra. Pero nas miñas viaxes a Galicia sempre atopo persoas e amigos desa cidade. Aínda que eu non vaia a Pontevedra, Pontevedra vén a min.

Pero é a terceira vez que acode ao Festival Cantos na Maré e foi testemuño da súa evolución. Como valora a nova dimensión que acaba de tomar o evento?
Eu sempre fun un defensor da ‘ilusofonía’ e por iso vexo con moita alegría que o Cantos na Maré permaneza, se amplíe e permaneza en contacto cos autores do comezo que crearon a canción ‘Cantos na Maré’, que se converteu xa nun himno da lusofonía. Sinto que os nosos lazos culturais, afectivos e sociopolíticos son cada vez máis fortes no que se refire ao desexo de liberdade e de autonomía dos pobos.

Dixo ‘ilusofonía’. Está ilusionado por volver tocar no festival?
Digo ‘ilusofonía’ como algo máxico, poético, positivamente fantasioso, como un soño. Por iso, máis de lusófono, eu considérome ‘ilusófono’. A graza nas palabras do outro, de quen vén de Cabo Verde, de Guinea Bissau, xera moita poesía.

No seu caso, ademais, é un xeito de volver ás raíces africanas, ás que fai referencia na súa música, ao coincidir con autores de Mozambique, Angola ou, como nomeaba, Cabo Verde ou Guinea Bissau.
Si, por suposto. Eu agradezo moito estes encontros e que continúen co paso dos anos para seguir fortalecendo lazos.

Como vai ser o seu concerto de mañá en Pontevedra?
Eu levo uns catro anos percorrendo Brasil e parte de América Latina con ‘Estado de poesía’, un disco de estudo do que tamén se publicou unha versión en DVD e que foi premiado como o mellor disco de pop nos premios da música brasileira. Levarei os temas deste traballo á cidade de Pontevedra, pero tamén interpretarei outras cancións da miña carreira como a propia Mama África, Mandela ou Pensar em voçé. Pero o que quero transmitir é o concepto de ‘Estado de Poesía’, que busca colocar no cotidiano un estado de subxectividade con respecto ao estado burocrático e institucional que oprime ás persoas máis que representalas.

Chega dende Brasil nun momento no que o país está de actualidade polo que poida acontecer se o líder de ultradereita Jair Bolsonaro gaña as eleccións.
Eu estou preocupado, aínda que sei que os homes malos e os momentos políticos malos pasan. A democracia brasileira é sólida, aínda que está danada. Pero a alma dos brasileiros é democrática. Mesmo se acontece o peor, que sería a elección de Bolsonaro, iso vai pasar e os sentimentos de liberdade e respecto ás minorías, aos transexuais ou aos traballadores van quedar aquí. Aínda temos un segundo tempo para arreglalo. A min gustaríame que todas as persoas, independentemente das ideas, se unisen na defensa da democracia. Estamos nun momento bastante confuso; hai unha cegueira ideolóxica enorme.

Teresa Salgueiro protagoniza o concerto inaugural de Cantos na Maré no Pazo
A ex-vocalista de Madredeus inaugurou este xoves o novo festival, que este ano se presenta renovado, con catro días de duración e actividades por toda a cidade. A artista foi a encargada de ofrecer o primeiro concerto do encontro, que continuará nas xornadas deste venres e deste sábado

Comentarios