A choiva e unha escasa publicidade alíanse contra as rebaixas

O comercio pontevedrés deposita as súas esperanzas de aumentar as vendas no turismo e no cese das precipitacións

Escaparate en rebaixas. ADP
photo_camera Escaparate en rebaixas. ADP

Os primeiros días oficiais de descontos vívense con certo desánimo nas tendas de roupa locais. Os principais motivos do abatemento son a meteoroloxía adversa e unha campaña que se considera insuficiente.

Moitas tendas, como AlmaGemela, adiantáronse ás datas tradicionais para «compensar a grande influencia que ten o grupo Inditex e tentar obter certa vantaxe cuns días extra», en palabras da súa encargada, Sara Magariños. O negocio da Rúa dos Soportais ofrece baixadas de prezo de entre o 20% e o 50%, que segundo Sara «estiveron tendo moito máis éxito nas rebaixas anticipadas que agora». Non obstante, non todos os comercios da cidade decidiron adiantar a campaña: é o caso de Carnaby, que comeza agora con descontos dun 20% con perspectivas de chegar ata o 30%. Inma González, a súa propietaria, amósase optimista e agarda «repetir los resultados del año pasado», para o que considera fundamental que «no falle el turismo, porque se nota».

Mari Luz Lorenzo, dona da zapatería J. Joaquín, observa resultados peores que os do verán pasado, o que asocia «a unha falta, cada ano máis, dunha diferenciación clara entre a época de rebaixas e a tempada». «Hai tantos descontos puntuais ao longo do ano que se provoca confusión na xente e as rebaixas perden o seu efecto. Xa arrastramos esta situación desde a campaña de inverno e agora non fai máis que empeorar», engade.

O mes de xullo comeza con moitos negocios de téxtil tendo implantados xa os descontos, que oscilan entre o 20% e o 50%

Malia estas apreciacións, desde o outro lado do mostrador, a situación vese de xeito ben distinto e sen apenas alarma. Rossmary, clienta que vive as súas primeiras rebaixas en Pontevedra, afirma que «aunque no haya grandes descuentos, hay buena cantidad de oferta y las tiendas se ven llenas». Raquel, máis veterana nas compras na cidade, bota en falta, por outra banda, baixadas de prezos «en las piezas de nueva colección, porque solo se encuentran prendas de otras temporadas».

Sexa como sexa, comerciantes e consumidores coinciden en que o mal tempo dos últimos días non axuda a que as rebaixas estean a ter éxito. Algunhas propietarias consideran incluso que dificulta a venda de «calzado de verán, como as sandalias». En AlmaGemela, non obstante, non consideran que as choivas inflúan sobre o tipo de prendas que se venden. «Ao fin e ao cabo, nestas datas sempre estamos desexando mercar roupa de verán, aínda que o tempo non acompañe», afirma Magariños.

Comentarios