A CIG e A Mesa esixen a dimisión da valedora do Pobo por ser "cómplice" do PP na "discriminación" ao galego

Denuncian a "impresentable" contestación de Milagros Otero a unha queixa sobre o recorte de horas do galego no ensino
Milagros Otero
photo_camera Milagros Otero

A CIG e A Mesa pola Normalización Lingüística esixiron este xoves a dimisión da valedora do Pobo, Milagros Otero, por ser "cómplice" do Partido Popular e "os posicionamentos da Consellería de Educación" na "discriminación" ao idioma galego.

En rolda de prensa en Santiago, o responsable de CIG-Ensino, Anxo Louzao, e o presidente da Mesa, Marcos Maceira, cargaron contra a valedora polo que consideran unha contestación "impresentable" e "inaceptable" a unha queixa na que se denunciaba a "ilegalidade" do recorte de horas de ensino en galego.

A este respecto, Louzao expón que coa entrada en vigor da Lei para a Mellora da Calidade Educativa (Lomce) prodúcese un recorte de horas en galego ata tan só supor o 15 % do total, de forma que queda a "anos luz" do marcado pola lei de normalización lingüística. Denuncia que hai 13 horas menos na ESO do idioma propio de Galicia en materias aplicadas –son 18 horas fronte ás 31 en castelán– e 10 horas menos nas académicas –son 21 horas fronte ás 31 en castelán–.

Deste xeito, Louzao censura que Otero "non entra no motivo da queixa" de reclamar que se cumpra coa igualdade no número de horas de galego e castelán, e tan só "reproduce a posición da Consellería de Educación" de que se busca o "máximo equilibrio posible", polo que dá por pechado o expediente.

A CIG subliña que "non é posible ese equilibrio no plano teórico" coa discriminación do galego nas materias troncales, e tamén pon como exemplo que en Bacharelato "non hai horas suficientes" das materias a impartir en galego. "Dá a impresión de que non leu a queixa e nin sequera estudou a lexislación", censura.

Por iso, Anxo Louzao acusa á valedora de ser "prexuizosa" co galego, no marco dunha "actuación ideolóxica", e táchaa de "inimiga" do idioma. De tal forma, recrimina que funciona "como un apéndice máis do PP" no canto de ser unha institución que ofreza amparo aos cidadáns, que se atopan con "un desamparo total".

"TOMADURA DE PELO"

Nesta liña, Marcos Maceira tacha de "tomadura de pelo" a contestación da valedora do Pobo e a súa decisión de concluír a investigación sobre a situación do galego nas aulas, nunha institución que ve "desprestixiada".

Maceira cualifica de "indignante" a postura fronte ao galego por parte da valedora do Pobo, pois observa "significativo" que unha das primeiras accións que tomase no seu posto fose o de reclamar que cartilla de vacinación estivese en español.

A isto únese a "persecución" a rapaces dun colexio de Nigrán por ter un cartel no que se podía ler 'Fala galego, non sexas lelo', que logo tiveron que cambiar, segundo lembra A Mesa. "Non se pode permitir que se manteña en institucións o odio ao galego", concluíu.

Comentarios