Os cines de Pontevedra reabren o 3 de xullo con normas de seguridade

Galicine anuncia prezos especiais de 5 euros para as entradas que se despachen entre o 3 e o 16 de xullo
2020062911012163215
photo_camera Unha proxección nas salas de Pontevedra. J. CERVERA (ARQUIVO)

Pontevedra reabrirá as súas salas de cine o venres 3 de xullo. Segundo anuncia na súa páxina web a empresa Galicine (galicine.es), á que pertence Cinexpo, o complexo do centro comercial Vialia, a súa previsión pasa por reabrir a maioría das súas salas en Galicia nesa data (ademais de Pontevedra, Vilagarcía, Ribeira, Carballo, Monforte de Lemos e Ourense). A única excepción foron os cines Plaza Elíptica de Vigo, que funcionan dende o 26 de xuño.

Galicine anuncia tamén prezos especiais de 5 euros para as entradas que se despachen entre o 3 e o 16 de xullo. O que non fai público aínda son as películas que conformarán esta primeira carteleira pos-covid.

Na páxina web da empresa tamén se dá conta dunha serie de medidas sanitarias e de hixiene que haberá que seguir para poder acceder ás proxeccións. Entre elas están os aforos reducidos, o escaneo directo da entrada por parte do público, o uso obrigatorio da máscara polas instalacións ata que se ocupe o asento e a obrigatoriedade de ocupar só a butaca preasignada.

A maiores, Galicine fai público que se desinfectarán periódicamente as salas e as instalacións cun viricida mediante nebulización e se renovará o aire "para proproporcionar la adecuada ventilación y optimización del aire en salas y en el resto de las instalaciones". Ademais, o persoal das salas vixiará que se manteña a distancia de seguridade e o resto das medidas de seguridade.

Normas de acceso
→ Salas con aforo reducido. 
Escaneo directo da entrada por parte do público. 
Uso obrigatorio de máscara en áreas comúns. 
Uso de xel hidroalcohólico para a desinfección das mans. 
Distancia de seguridade entre os asistentes. 
Ocupación só da butaca preasignada. 
Recomendación da compra on-line e do pago con tarxeta para evitar contactos innecesarios.

Comentarios