O Cisne voa máis alto ca nunca

O equipo pontevedrés colócase como líder da División de Honor Plata despois de derrotar a un dos grandes favoritos ao ascenso, o Alarcos, nun partido cun ritmo frenético
Javiva finaliza ante Kotanidis. RAFA FARIÑA
photo_camera Javiva finaliza ante Kotanidis. RAFA FARIÑA

O Cisne Colegio Los Sauces é o novo líder da División de Honor Plata despois de derrotar nun magnífico partido, disputado de poder a poder, contra o Alarcos Ciudad Real, un dos claros candidatos ao ascenso.

 

O equipo de Jabato aguantou as embestidas do seu adversario nunha primeira parte marcada pola igualdade e esnaquizou o marcador nun prodixioso cuarto de hora final. Alguén podería crer que as ausencias de Ramos e Conde poderían facer sentirse ao conxunto cisneísta como unha barca sen remos, pero o bloque unido superou as adversidades. E cando máis lle tremía o pulso para pechar o partido, emerxeu a figura inconstetable de Pablo Novás, un muro que desiquiciou ao Alarcos nos minutos finais e sentenciou o triunfo para os locais.

Os dous contendentes repartiron acertos e imprecisións no arranque do partido, o que freou calquera intento de ruptura do marcador nunha ou noutra dirección. O equipo pontevedrés intentaba poñer velocidade ás súas accións de primeira liña, pero non atopaba con facilidade os espazos necesarios para facerse oco na poboada defensa manchega. Simón sentíase Gulliver no país dos xigantes e a súa vontade na liña de seis metros quedaba anulada nun bosque de torres inimigas. Con Cuadrado, a cousa mudou sensiblemente. Cuestión de tamaño.

A porfía de Andrés, Chan e o acerto de Javiva permitíanlle ao Cisne manterlle o pulso ante o seu poderoso rival, mentres Chapela parecía outro Chapela.

Ao descanso, igualdade.

Despois do paso polos vestiarios, o Cisne levantou o voo. E o Alarcos intentou responder. Os ciudadrealeños conseguírono facendo gala de poderío desde os nove metros e diversidade de recursos. Pero non eran quen de deter as ofensivas cisneístas. Daquela Chapela amosou os seus galóns e o partido meteuse en tempo de resolución co Cisne gobernando 30-27.

O equipo de Jabato tivo intres de dúbidas. O máis difícil era pechar o partido, e máis para o bloque pontevedrés, que só se manexa en tres ritmos: rápido, ultrarápido ou a tumba aberta. Así foi que apareceu Pablo Novás. Realizou unha serie antolóxica de 5/6 paradas e devolveulle a confianza aos pontevedreses para bater a un coloso e gobernar en Prata.

FICHA TÉCNICA
Cisne Los Sauces: Villamarín, Miguel Simón, Javiva (6, 3P), D. Chapela (9), Álex Chan (3), José Leiras (1), Andrés Schez. (8), Preciado (4), Pablo Picallo, Gayoso, Iago Cuadrado (2), Dani López y Juan Novás (p.s.).

Alarcos Ciudad Real: Kotanidis, Beret (2), Lumbreras (5), Almansa (2), Molina (4), González (3), Negrete (1), Díaz Mata (6), Serrano, Krook (1), Mach (2), Asensio (1), Da Silva (2) y De la Cruz (p.s.).

Marcador cada cinco minutos: 1-2; 5-5; 8-6; 10-8; 12-11; 14-14. Descanso. 17-17; 20-19; 23-23; 27-25; 31-28; 34-29.

Árbitros: Vázquez Ramil e Rodríguez Estévez. Excluiron con dous minutos aos locais Preciado (2) e Álex Chan e aos visitantes Lumbreras, Molina, Krook, Serrano e González.

Incidencias: Partido correspondente á segunda xornada de Liga de División de Honor Prata disputado no pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

Comentarios