Comerciantes de Poio buscan paliar os efectos da covid-19

Reuníronse con Poio Confía para intentar acadar a mellor solución
2020080216441093356
photo_camera Reunión entre integrantes da ACE e o programa 'Poio Confía'. CEDIDA

Varios integrantes da Asociación de Comerciantes Enpoio mantiveron un encontro coa concelleira de Turismo, Silvia Díaz, e o responsable de Promoción Económica, Gregorio Agís, o pasado xoves, que serviu entre outras cuestións para darlles traslado das novidades no que á xestión da situación derivada da Covid-19 se refire. Esta cita enmárcase dentro do programa Poio Confía, impulsado polo Concello de Poio para ofrecer ao tecido empresarial local facilidades á hora de adaptar a súa actividade ao contexto provocado pola crise sanitaria. Un dos obxectivos era comunicar aos profesionais do sector a importancia de cumprir coas medidas básicas en termos de información sobre o aforo, dotación de xel hidroalcólico para a clientela, cumprimento de distancias de seguridade e procesos de limpeza e hixiene.

Poio Confía ofrece aos establecementos un Selo de Compromiso de Seguridade, que se lle outorga aos negocios que cumpren co decálogo do programa en materia de persoal, coordinación, limpeza, información, medidas ou teletraballo, entre outros requisitos a ter en conta. A día de hoxe, preto de 40 empresas do municipio xa foron partícipes do programa de asesoramento personalizado ofertado a través desta canle e está prevista, a maiores, a incorporación dunha decena máis de cara ás vindeiras semanas. Durante a reunión coa asociación Enpoio, tanto Silvia Díaz como Gregorio Agís fixeron un fincapé especial na importancia de que exista unha unión entre ambas partes que poida facilitar, desta forma, "un maior poder de negociación fronte ás empresas provedoras de diferentes servizos que poden ser comúns". Ademais disto, amosaron o seu compromiso de continuar mantendo este tipo de encontros, de cara a recoller as necesidades que poidan ir xurdindo entre os profesionais e acadar, de esta maneira, "resultados tanxibles e reais, que redunden no beneficio de todo o municipio".

Por outra banda, a Concellería de Turismo xa enviou tamén unha comunicación aos establecementos hoteleiros de Poio, na que se lles aporta información sobre o rexistro impulsado polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), dependente da Xunta de Galicia, que deben cubrir os e as visitantes que proveñan de lugares nos que a Covid-19 ten unha alta incidencia, e cuxo listado pódese consultar no Diario Oficial de Galicia (DOG). Os responsables de Poio Confía tamén falaron de asuntos como a prevención de riscos.

Comentarios