Comeza a renovación da cuberta do patio de xogos do CEIP Príncipe Felipe

A previsión é que as obras queden rematadas a mediados de febreiro. DP - Portada

A previsión é que as obras queden rematadas a mediados de febreiro. DP

A Deputación iniciou onte as obras de mellora e renovación da cuberta do patio de xogos do CEIP Príncipe Felipe. A actuación supón un investimento duns 46.000 euros e os traballos, que tamén inclúen a substitución dos canlóns de recollida da auga da chuvia, deberán estar rematados a mediados do mes de febreiro.

Segundo explicou a deputada delegada, Eva Vilaverde, estas actuacións no CEIP inclúense no plan de mantemento que a Deputación está a desenvolver de forma programada na cidade infantil co fin de solucionar as deficiencias históricas dos edificios existentes. Continúanse deste xeito as reformas integrais xa realizadas nas cubertas do edificio de Maternais e da Escola Fogar (nas que se investiron preto de medio millón de euros), que seguirán co proxecto para a mellora do illamento exterior do edificio do centro de acollida Agarimo, a piques de saír a licitación.

A cubrición do patio exterior do colexio de Príncipe Felipe estaba formada por placas translúcidas e presentaba un estado de deterioro moi avanzado, con roturas en varios puntos e numerosas fisuras polas que se filtraba auga da chuvia, imposibilitando o desenvolvemento de actividades para os menores en momentos de climatoloxía adversa, e incluso supoñendo un risco de desprendemento. Así mesmo, as placas estaban xa practicamente opacas debido á dificultade de acceso para a limpeza, ao paso do tempo e ao desgaste do material, xa que tiñan unha antigüidade de más de vinte anos.

A solución adoptada no proxecto técnico consiste na substitución das placas translúcidas e dos canlóns existentes por outros cun diámetro superior. Durante os primeiros días de obra os traballos consistirán na demolición de todos os elementos de forma manual cun guindastre elevador para despois instalar os novos paneis de policarbonato compacto de gran resistencia.

Comentarios