Comezan as obras de reparación do cruceiro de Lalín de Arriba

O Goberno municipal ten previsto a actuación en poucos días
Aspecto que presentaba o monumento na mañá deste luns
photo_camera Aspecto que presentaba o monumento na mañá deste luns

O Concello está levando a cabo os traballos de reparación e recuperación do cruceiro de Lalín de Arriba. Esta peza de importantísimo valor patrimonial, artístico e social, presentaba importantes danos estruturais derivados principalmente do mal estado da súa base, que poñían en risco a súa conservación. Porén, como explicou o concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, "o seu arranxo foi un dos primeiros obxectivos que nos marcamos". Para proceder á actuación foi preciso que a Dirección Xeral de Patrimonio aprobase o proxecto plantexado polo Concello. Unha vez concedida a licencia, solicitouse unha achega á Deputación por un importe de 3.833,77 euros, cos que se financiará o 100% da rehabilitación.

As actuacións para a recuperación do elemento artístico quedarán finalizadas esta mesma semana e consisten fundamentalmente na súa estabilización, a través do arranxo das súas diferentes pezas (basamento, fuste e cruz). A recuperación está sendo desenvolvida por profesionais cualificados e vai parella a diferentes tarefas de limpeza, que se estenderán, neste caso, á fonte colindante, que tamén ten unha elevada importancia social e patrimonial. Esta actuación servirá para poñer en valor unha escultura de importantísima significación para Lalín, pois trátase dun dos cruceiros máis antigos de toda a comarca, datado, segundo diversas fontes, na segunda metade do século XVII. Ademais, está peza dálle a benvida aos peregrinos que se adentran no casco urbano no seu camiñar cara a Santiago polo Camiño de Inverno, unha ruta que o Goberno local está tratando de potenciar como eixo dinamizador da economía e da sociedade lalinense. Neste senso, cómpre lembrar que unha das actuacións proxectadas no programa Lalín Suma 21, consiste na recuperación do entorno da igrexa de Lalín de Arriba.

Comentarios