Comezan as obras na Lama para construír unha fábrica de cervexa artesanal

Ao Concello só lle quedan catro parcelas por vender no polígono de promoción municipal de Racelo

Canda e Carrera, na parcela. DP
photo_camera Canda e Carrera, na parcela. DP

O alcalde da Lama, Jorge Canda Martínez, e o tenente de alcalde, David Carrera, visitaron o polígono industrial de Racelo, onde unha empresa construtora acaba de comezar os traballos de movemento de terras e posterior levantamento dunha nave que albergará unha fábrica de cervexa artesanal.

Jorge Canda amosou a súa satisfación porque comecen as obras desta nova fábrica no polígono industrial de Racelo, que se erguerá sobre unha parcela duns 1.400 metros cadrados e permitirá traballar inicialmente entre 6 e 10 persoas nunha actividade empresarial que terá como produto principal a elaboración dunha cervexa artesanal.

A empresa promotora desta iniciativa ten raíces no concello da Lama e xa ven traballando desde hai moitos anos no sector das bebidas polo que conta, a priori, cunha experiencia acreditada e un nicho de mercado que garantiría o arranque inicial dos seus produtos.

Segundo manifestou o alcalde, "o polígono industrial é un auténtico motor de emprego para o municipio. Fixémolo hai anos por iniciativa do Concello e hoxe é unha realidade que está a piques de completar a súa dispoñibilidade de terreos. Neste momento quédannos catro parcelas por ocupar e sobre algunha delas temos xa detectado algún interese por parte dalgunha iniciativa empresarial que esperemos se concrete próximamente".

Comentarios