Blog | Ventureiras

Como ionquis do amor

Un escaparate da cidade decorado para San Valentín. DAVID FREIRE
photo_camera Un escaparate da cidade decorado para San Valentín. DAVID FREIRE

"No necesitamos tragedias, compañeras, necesitamos orgasmos, abrazos, caricias, risas, juegos, ternura y placer. Nos lo merecemos todas y cada una de nosotras. La vida es muy corta, tenemos derecho a vivirla con alegría y a llenarla de mucho amor del bueno". (Coral Herrera, 'Mujeres que no sufren por amor')

A DEBUXANTE Raquel Riba Rossy ilustraba a desesperación de quen loita por aferrarse ao amor romántico coa imaxe do seu alter ego, Lola Vendetta, regando unha parcela dun xardín mentres unha planta carnívora que medraba no mesmo lle arrincaba a cabeza dun bocado. Á beira, outras leiras da vida permanecían secas coma desertos. A das amigas, a da familia, a dunha mesma, non contaban nin cunha gota de auga e as prantas, irremediablemente, estaban condeadas a murchar.

Queremos evitalo, ás veces mesmo tratamos de disimulalo, pero como mulleres heterosexuais educáronnos para ser ionquis do amor romántico dende que nos leron a primeira historia de príncipes e princesas. Ao igual que se ten demostrado que os azucres funcionan como unha droga no noso cerebro, a pastelada do amor para a toda vida entrounos no ADN e enganchounos a base dunha ampla literatura vencellada a postulados irreais e tóxicos que se reproducen no cine, nos libros, nas idílicas historias de amor que contamos e escoitamos unha e outra vez nas que pasamos por alto todos os peros, que moitas veces son demasiados, que conlevan consigo as relacións. Que máis dá que tiveramos que mudarnos coa nosa parella a outra cidade para ampliar o seu horizonte profesional renunciando ao noso se a cambio nos saca un anel para pedirnos matrimonio no alto da Torre Eiffel? Que mal ten que non saiba nin onde gardamos os cueiros da bebé se mañá nos leva de cea a un restaurante romántico e nos agarda na casa cun ramo de rosas? Que importa que nos controle o móbil, que se incomode se falo cun compañeiro de traballo ou que deixara de ir ás ceas de amigos se o fago para que estea tranquilo, para que saiba que só o quero a el?

E así, pasamos a vida pendentes de Cupido, atentas para lanzarnos ás súas frechas, que estas nos perforen as tripas e, de paso, a cabeciña. Entregámonos cunha cegueira delirante ao amor romántico e polo camiño esquecémonos a nós mesmas. Semella que nós, mulleres definitivamente incorporadas ao mercado laboral e acostumadas a cargar coa maior parte das responsabilidades do fogar, precisemos aínda dun macho alfa que cace un corzo de cando en vez para comer carne e protexa a casa de mandas de lobos en pleno século XXI. Como a heroinómana que non come por pagar a dose, levamos séculos descoidando a nosa propia felicidade polo amor tóxico do outro. E renunciamos. Renunciamos moito máis do que o fan eles.

Publicábase esta semana un estudo realizado en Suecia que confirmaba que os ascensos laborais, no caso das mulleres, ían ligados aos divorcios, mentres no caso masculino o índice de varóns divorciados en altos cargos non era diferente á media dos homes. En moitas ocasións, quebrar o teito de cristal é quebrar tamén co amor, ou que este rompa contigo. Como reinventamos entón as relacións no medio da cuarta onda feminista? A pregunta temos que nola facer nós, pero tamén os homes. Precisamos parellas dispostas a abrir a mente e desenmascarar prexuízos, a falar das súas inseguridades, con ganas de abandonar as constantes demostracións de virilidade e estender a súa rede de afectos. Homes dispostos a coidar, a amar dun xeito libre e enriquecedor para ambas partes.

Disque o amor pode con todo. E é certo, o que pasa é que temos pervertido abondo o concepto amar. Querer con ciumes e posesión non é amar. O verdadeiro cambio consiste en estender o amor, no seu significado máis esencial, a todas as esferas da nosa vida e facelo de forma revolucionaria. Levalo aos postos de traballo, estender os afectos da parella, ás amizades e á veciñanza, á escola, á política e tamén á economía. Apostar por un amor liberador, que coide e nos faga mellores.

Comentarios