Elisa Fernández: "A compostaxe é un beneficio que lle facemos á atmosfera"

O restaurante Tío Benito de Ribadumia participa no Plan Revitaliza da Deputación e composta todos os seus biorresiduos no centro de compostaxe comunitaria

Elisa Fernández, xunto ao composteiro que ten o restaurante Tío Benito. CEDIDA
photo_camera Elisa Fernández, xunto ao composteiro que ten o restaurante Tío Benito. CEDIDA

Da cociña do restaurante Tío Benito de Ribadumia saen a diario centos de pratos variados dunha boa carta con peixes, mariscos, carnes e guisos… E dos restos do cociñado e do pouco que queda nos pratos dos comensais sae un bo compost. O restaurante participa no Plan Revitaliza da Deputación e composta todos os seus biorresiduos no centro de compostaxe comunitaria que ten nas inmediacións. É un establecemento que podería chamarse ‘verde’, xa que o seu plantel de traballadores e traballadoras vixía que a produción de lixo sexa a mínima posible e que cada fracción vaia ao lugar que lle corresponde.

Como decidiron participar no Plan Revitaliza?
Pois propúxonolo o Concello, que está adherido ao plan provincial. Preguntaron se estabamos dispostos a participar na iniciativa e dixemos que si. Facemos todo o preciso para compostar e tamén reciclamos todas as demais fraccións: separamos o plástico, o cartón, o vidro… Incluso o aceite de cociñar, e despois veñen unhas empresas a buscalo. No Tío Benito podemos dicir que estamos concienciados co medio ambiente dende hai anos… Agora cando a xente nos ve pasar co lixo orgánico explicamos que compostamos… e xa levamos un tempo facéndoo. Cremos que incluso achega un valor engadido ao restaurante.

É difícil a adaptación á compostaxe e ter que separar tamén os biorresiduos nunha cociña profesional?
Pois nós somos cinco persoas na cociña, e involucradas na compostaxe somos tres: as cociñeiras de sempre, as que máis tempo levamos no restaurante. Se é complicado organizarse? Para nada. Nós temos un caldeiro no que van os restos da preparación das comidas, e na barra tamén separan a súa parte. Nós na cociña apartamos o papel e os biorresiduos. É un costume que collemos. É coller o hábito… Nós, as cociñeiras, cando rematamos collemos os restos da comida, levámolos ao composteiro, estendémolos e tapámolos co estruturante que hai alí preparado. Non é complexo.

Separar os biorresiduos facilita reciclar o resto das fraccións, non?
Claro, claro. Porque xa hai moito menos lixo que vai para o colector verde. Ao retirar a parte orgánica xa ves as cousas que deben ir para cada sitio a reciclar. É unha cuestión de mentalizarse de que isto debe de facerse así, separando.

Están xa vostedes preparados para o cambio de normativa, que di que os concellos de máis de 5.000 habitantes teñen que recoller os biorresiduos de maneira separada e tratalos de forma ambientalmente sustentable no ano 2020…
Pois si, estamos preparados. De feito agora temos un composteiro comunitario para nós sós. Houbo un tempo no que estaba aberto e aparecían algúns restos de plásticos, que non sabiamos quen botaba, pero que nós sacabamos. Finalmente falamos coa mestra composteira e co Concello e agora temos nós unha chave para levar cada día os biorresiduos abrindo e pechando o centro de compostaxe. Sabemos en que módulo achegar o lixo porque a mestra composteira que se encarga de xestionar o centro déixanos un adhesivo na tapa. Se ela vai pola mañá xa nos deixa todo preparado.

Cre que a compostaxe sairía ben sen o persoal técnico que controla o proceso?
Pois para nós a mestra composteira é moi importante. Vén cada vez que o precisamos a dicirnos as cousas, a explicar calquera dúbida… Pero penso que o estamos a facer cada vez mellor. Como anécdota, un día que estabamos achegando o lixo orgánico no composteiro estaban dous traballadores da Xunta de Galicia facendo unha promoción de algo no Concello e quedaron mirando para nós. Cando viñemos de volta díxéronnos: ‘Moi ben. Estiven a mirar para vostedes e fixérono vostedes moi, moi ben. Un dez, perfecto’…

Son vostedes exemplo para a veciñanza da zona, logo.
Penso que si… Agora a veciñanza de todos os edificios próximos desta zona xa composta. De feito, instaláronse máis composteiros comunitarios na zona baixa para que a xente non teña que vir ao noso, que está só para nós.

Cales son para vostede os maiores beneficios da compostaxe?
Pois que ademais de producir o compost que despois vai aos xardíns e plantas… é un ben para nós todos. É un beneficio que lle facemos á atmosfera ao evitar a contaminación, porque xa temos todo bastante contaminado.

Cre que hai unha visión diferente da compostaxe para a xente maior e para a xente moza?
Penso que non. Eu teño unha irmá que ten 77 anos e ten un composteiro para apartar os biorresiduos. Xa está separando os restos de comida e non ten ningún problema.

E a vostede, facer a separación no traballo non lle leva a querer compostar tamén na casa?
Pois a verdade é que eu de onde vivo aos contenedores teño que desprazarme uns dous quilómetros para deixar o lixo… E só teño o colector verde. Eu se tivera os colectores de reciclaxe, reciclaría, porque estou afeita a facelo, pois tampouco sería ningún traballo nin ningún sacrificio. Agora teño que traer o lixo comigo cando veño a traballar no coche para tirar o plástico no colector amarelo. Tampouco teño composteiro, pero se a compostaxe pasa a ser obrigatoria, terán que obrigar a todos os concellos a poñelos… E como teño unha finca grande podería ter un composteiro individual.

Que lles diría aos que non se apuntan á compostaxe porque din que leva tempo ou porque molesta?
Pois diría que de complicado, nada. É un hábito que coller. Ao fin e ao cabo é o mesmo traballo poñer o lixo nun caldeiro que noutro. É un costume que impoñer na túa cabeza. Simplemente iso. E cheiros? Pois ás veces no centro de compostaxe –cando a mestra composteira remexe-, cheira, pero hai outras cousas peores e mais témolas ao lado da casa. Non penso que moleste.

Comentarios