O Concello dedicará 24.000 euros a mellorar os parques infantís de Monte Porreiro

Arranxaranse valados e pavimentos e instalaranse novos elementos
Iván Puentes, nun dos parques. DP
photo_camera Iván Puentes, nun dos parques. DP

Todos os parques infantís de Monte Porreiro lucirán un ‘look’ renovado despois de que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, execute a ampla batería de actuacións de mellora incluídas no seu plan de restauración de zonas de xogo do barrio.

O proxecto, que executará a empresa Soluciones Técnicas de Ocio SL cunha achega económica de 23.843 euros, contempla unha variedade de actuacións entre as que se inclúen o arranxo de valados de madeira, a renovación total ou parcial dos mesmos, o acondicionamentos de pavimentos, tanto sintéticos como naturais de area, e a substitución e instalación de novos elementos (arrandeadoiros, balancíns, tobogáns, casiñas de xogo, resortes ou bambáns en forma de cesto).

Segundo explica Iván Puentes, este zafarrancho de obras concentrarase nos parques da urbanización pontevedresa: As dúas zonas de lecer infantil existentes na contorna do Miradoiro, a da confluencia das rúas Portugal e Alemaña, a da Praza de Europa e a da rúa Irlanda. "Estes espazos de xogo foron obxecto dunha supervisión pormenorizada por parte dos técnicos do Servizo Municipal de Parques e Xardíns durante as pasadas semanas. Unha vez valorados os custes das actuacións, Medio Natural decidiu impulsar unha batería de melloras no barrio máis populoso da nosa cidade ", indicou o socialista.

Tal e como avanza, a súa Concellería ten previsto "trasladar de xeito progresivo este mesmo modelo de intervención á totalidade de barrios e zonas de Pontevedra para, de xeito ben planificado, optimizar o estado de conservación e a calidade dos seus recintos e xogos".

Comentarios