O Concello insta ós veciños a implicarse no Campionato do Mundo de Tríatlon

A campaña Pontevedra Mundial convida á veciñanza a apoiar os 4.000 deportistas que participarán na competición e promove actividades vencelladas ao voluntariado

As concelleiras Anabel Gulías e Anxos Riveira presentaron a campaña Pontevedra Mundial. JAVIER CERVERA
photo_camera As concelleiras Anabel Gulías e Anxos Riveira presentaron a campaña Pontevedra Mundial. JAVIER CERVERA

Empeza a conta atrás para que a Boa Vila se convirta na capital do tríatlon. Logo de meses de traballo interno, o Concello pon en marcha a campaña de implicación dos veciños de Pontevedra nos campionatos do mundo de tríatlon Mutisport que se celebrarán entre o 26 de abril e o 5 de maio. A cita deportiva achegará a Pontevedra máis de 4.000 deportistas, inscritos ata o de agora nas cinco probas programadas: Aquatlón, Tríatlon de longa distancia, Tríatlon Cross, Duatlón e Aquabike que se disputarán os días 27, 28 e 30 de abril e 2 e 4 de maio.

A campaña de difusión, información, captación e promoción dos campionatos que desenvolverán as concellarías de Deportes, Promoción da Cidade e Seguridade céntrase nos lugares polos que transcorren as probas para dar conta á veciñanza, solicitar a súa colaboración e o seu apoio. Trátase do centro histórico, a contorna do Centro de Tecnificación Deportiva de Galicia e a zona de Tafisa; a traza da N-550 ó seu paso pola cidade, e as parroquias de Lérez, Alba, Cerponzóns e Verducido polas que se disputarán as probas de bicicleta de Tríatlon de Longa Distancia e a de Duatlón.

REUNIÓN DOS VECIÑOS. Os veciños de Cerponzóns foron os primeiros en manter o primeiro encontro co Concello para coñecer ó detalle os percorridos que se desenvolverán na súa parroquia. A concelleira de Deportes e a delegada da parroquia de Cerponzóns, Anxos Riveiro e Pilar Comesaña, acompañadas do portavoz da Policía Local reuníronse onte co Consello parroquial para ofrecerlles toda a información.

"Foron moi receptivos", explicou este xoves Anxos Riveiro, que agradeceu a súa implicación neste evento ó igual que o apoio do sector da hostalería, co que xa mantivo encontros durante estes meses. Este traballo «porta a porta» tamén se reproducirá na zona urbana ó igual que con todas as empresas e comercios que se vexan implicados na celebración deportiva internacional.

A Policía Local dispón do teléfono 092 para atender todas as preguntas que poidan xurdir á veciñanza arredor da competición.

Comentarios