A concentración moteira de Sanxenxo terá que agardar

A organización decidiu finalmente suspender a XXXVI edición do evento por temor a unha afluencia masiva dende diferentes localizacións
2020072414080169796
photo_camera Concentración moteira. D.F./ARCHIVO

Toca aparcar a moto por unha tempada. A famosa concentración moteira de Sanxenxo ten que botar o freo por primeira vez en XXXVI anos de historia, polo que esta edición terá que quedar para 2021, "se todo vai ben". Así o lamenta o presidente do Motoclub Amigos de la Moto, Sergio Prol, entidade organizadora do evento, que cada ano reune a unhas 15.000 persoas no seu día grande.

Ademais dos clubes das diferentes comunidades autónomas que acuden en masa, Sanxenxo recibe cada verán a moteiros e aficionados chegados de europa e outros continentes. "O ano pasado viñeron de sudáfrica, belgas, italianos, de Portugal", enumera Prol que aclara que, precisamente, esta é a causa que motivou a decisión de suspender o encontro, nunha aposta por previr riscos. "Se houbera algún problema, a responsabilidade sería nosa. E sería unha responsabilidade moi grande", aclara. Aínda que agardaron case ata a data prevista para anunciar a suspensión, tras recibir numerosas mensaxes de xente interesada en asistir dende outros puntos do Estado, tomaron a decisión, ante o temor dunha afluencia masiva. "Nun principio barallamos facer algo máis pequeno, pero vimos que sería imposible controlar quen vén e quen non. Teriamos que controlar que se cumpliran as medidas de seguridade, e moitos dos eventos programados serían imposibles de realizar. Este ano todo o que ten que ver con concentracións moteiras en España e Portugal está suspendido".

A pesar disto, xa fixan o obxectivo en 2021. "Está claro que o ano que vén imos intentar facela, isto non é un adeus". Este ano, a organización programaba un evento "moi potente" de food trucks, e un grande espectáculo de motor que "tivo que quedar no aire". A pesar disto, se as circunstancias sanitarias o permiten, o ano que vén volverán sacar a moto do garaxe con forzas renovadas.

Comentarios