Condenan a Vodafone a devolver os cobros por desbloqueo de terminais

Adicae estima, a través dun comunicado, que Vodafone cobrou indebidamente a máis de medio millón de usuarios afectados

Vodafone. AEP
photo_camera Vodafone. AEP

A Audiencia Provincial da Coruña confirmou a condena á empresa de telefonía Vodafone a devolver o diñeiro cobrado polo desbloqueo de terminais móbiles co contrato de permanencia expirado. A sección cuarta da Audiencia, do civil-mercantil, confirma, nunha sentenza do 28 de marzo remitida por Adicae, o fallo do 22 de novembro de 2016 do xulgado do mercantil número uno da Coruña e engade a nulidade dunha cláusula.

Adicae estima, a través dun comunicado, que Vodafone cobrou indebidamente a máis de medio millón de usuarios afectados, en concreto a 519.360, polo que calcula que terá que devolver catro millóns e medio de euros. "Un auténtico abuso destinado a coartar os dereitos dos consumidores e a súa liberdade para cambiar de compañía", valora a asociación.

O Ministerio Fiscal e a Asociación de usuarios de Bancos, Caixas de Aforro e Seguros de España (Adicae) promoveron en 2016 unha demanda colectiva polo cobro primeiro de seis euros máis Ive e despois de oito euros máis Ive (9,68 euros) pola liberación de teléfonos a usuarios que xa terminaran os seus contratos.

A letrada que representa á compañía telefónica alegou no xuízo que para o desbloqueo existían "unha vía gratuíta e unha vía de pago, que era voluntaria" e, en todo caso, dixo que a liberación era "independente da permanencia".

Ante o xuíz afirmou que se trataba dun "servizo deficitario" co que a compañía perdía "cinco euros por móbil" e que "a todos os clientes advertíaselles de que había unha vía gratuíta", mentres que "se optaban pola telefónica comunicábaselles que se lles cobraba oito euros máis Ive", aínda que este proceso non se volveu facer "desde 2014".

O fiscal sostivo que Vodafone "non actuou de boa fe" e conseguiu un "enriquecemento inxusto" cun "bloqueo de terminais que se tiña unha finalidade era beneficiar a Vodafone".

Considerou fundamental o seu papel no proceso porque dubidou de que algún cliente queira "soportar os gastos dun proceso para reclamar 9,86 euros" por unha situación da que "se están aproveitando as empresas operadoras de telefonía móbil".

Pola súa banda, a avogada de Adicae, Karina Fábregas, sinalou que este cobro debería ser devolto porque "o consumidor descoñece no momento de contratación a cantidade que lle pode cobrar a compañía", pois esta non vén no contrato. Agora, a Audiencia Provincial da Coruña engadiu ao fallo a declaración de nulidade, "por abusivas", das "condicións xerais da contratación litixiosas".