O Congreso de Pinto e Maragota reunirá no Pazo a tres xeracións de activistas trans

A segunda edición da proposta, centrada na diversidade sexual nas aulas e que terá lugar o 1 de febreiro, contará co cantautor trans Viruta
photo_camera Paloma Castro co cartel do programa Pinto e Maragota. CONCELLO

A diversidade sexual e de xénero nas aulas. Materia pendente? é o lema baixo o que se desenvolverá o II Congreso do programa Pinto e Maragota, iniciativa do Concello de Pontevedra que inclúe accións formativas e de sensibilización sobre o colectivo Lésbico, Gay, Transexual, Bisexual, Intersexual e Queer (LGTBIQ). Laura Bugalho, Marcos Ceive e Rihanna Currás protagonizarán, dentro deste congreso do 1 de febreiro no Pazo da Cultura, unha mesa redonda que reunirá desta maneira a tres xeracións de activistas trans. Será unha das propostas dun encontro que pechará o cantautor trans madrileño Viruta e no que tamén participarán a pediatra Inés del Río, coa ponencia Diversidade sexual e de xénero na infancia e na adolescencia: unha ollada ética, e a licenciada en Dereito e activista trans Ada Otero, cunha intervención titulada A legalidade LGTB.

Segundo explicou a concelleira de Igualdade de Pontevedra, Paloma Castro, que abrirá o congreso coa exposición pública dos resultados das enquisas que o seu departamento realizou recentemente nos centros de ensino de Secundaria e de FP da cidade, da programación tamén formarán parte unha mesa redonda sobre o tratamento da realidade LGTBI nas aulas, na que participará o instituto Frei Martín Sarmiento, entre outros, e a proxección do documental Noite irisada, sobre a loita do colectivo LGTBI en Galicia, dirixido por Bea V. Campaña.

As persoas interesadas en acudir ao congreso poden inscribirse en [email protected]. Os mestres en activo poden facelo a través do Centro de Formación e Recursos (CFR) do profesorado de Pontevedra usando o código P1902027.

O Concello, que quere facer de Pontevedra un referente en canto a respecto e tolerancia, baralla ampliar o Día do Orgullo cun desfile

DEPORTE. O congreso do 1 de febreiro é a primeira actividade do programa Pinto e Maragota, que inclúe diversas iniciativas en distintos ámbitos a desenvolver ao longo de todo o ano. Paloma Castro avanzou este xoves a creación dun novo premio literario, unha campaña no ámbito do deporte, a reedición de vermús en espazos públicos e un reforzo das iniciativas dirixidas a escolares.

"Os resultados obtidos na enquisa sobre diversidade sexual e LGTBIfobia que realizamos nos institutos déronnos algunhas pistas sobre aspectos nos que actuar", sinalou Paloma Castro. Un deles foi o deportivo.

Por iso, Pinto e Maragota incluirá este ano unha campaña titulada Deporte Diverso. "Consistirá na realización dun vídeo para promover a tolerancia e o respecto polo colectivo LGTBI no que agardamos contar cos clubs deportivos máis importantes da cidade".

No apartado máis lúdico, a concelleira avanzou a celebración de novos vermús, con espectáculos de música, danza, poesía e cabaret en distintos espazos públicos. "Ademais, nese obxectivo que temos de converter Pontevedra nun referente en canto a respecto e tolerancia, queremos ampliar o Día do Orgullo". Segundo Castro, o Concello está a barallar diferentes opcións neste sentido, como a celebración dun desfile na cidade.

Certame. Primeiro premio literario en Galicia sobre diversidade sexual

O Concello de Pontevedra, coa colaboración da editorial Xerais, convocará a primeira edición dun premio literario único en Galicia, que recoñecerá narrativa centrada na diversidade sexual. 

A concelleira de Igualdade, Paloma castro, destacou a importancia desta convocatoria, da que proximamente se farán públicas as bases. "É unha das principais novidades que trae o 2020 en materia de visibilización e concienciación sobre a realidade LGTBI", indica o Concello. 

O I Premio Literario Pinto e Maragota conta, segundo indicou a concelleira, coa implicación persoal do director de Xerais, Fran Alonso.

 

 Educación. Contos e xogos en Primaria e memoria da loita en Secundaria
 Pinto e Maragota tamén incrementará a súa presenza en centros escolares. "Neste caso, as propostas desenvolveranse a partir de setembro", explicou Castro, que anunciou que as actividades se ampliarán ao ámbito de Primaria. Farase a través da proposta Somos Diversxs, que incluirá contos e xogos que buscan promover a empatía e o respecto entre os máis pequenos. Por outra banda, no ensino Secundario e Bacharelato, onde xa se viña traballando, no próximo curso repasarase a historia da loita do movemento pro-dereitos LGBTI, aproveitando o 50º aniversario dos disturbios de Stoneball, considerados como o seu punto de partida.

Comentarios