A conquista da Boa Vila

Expectación entre a veciñanza que onte atopou unha muller de a cabalo polo centro da cidade. ► O santuario da Peregrina será protagonista nunha coñecida campaña publicitaria
Rodaxe da campaña Vivamos como galegos na Praza da Peregrina de Pontevedra. RAFA FARIÑA
photo_camera Rodaxe da campaña Vivamos como galegos na Praza da Peregrina de Pontevedra. RAFA FARIÑA

Que fai unha amazona co seu cabalo galopando pola Praza da Peregrina? Iso foi o que se preguntaron os numerosos cidadáns que andiveron pola tarde deste mércores polo centro da cidade. As cámaras que a seguían e os focos que enmarcaban a escena daban unha pista a quen se cruzaba coa estampa.

E é que a contorna do Santuario da Peregrina foi o lugar escollido para realizar unha escena da rodaxe dunha recoñecida campaña publicitaria. A Boa Vila terá o seu protagonismo na vindeira edición de Vivamos como galegos, a aposta publicitaria da axencia BAP Conde coa que desde hai doce anos se identifica á cadea galega de supermercados Gadis.

Rodeada dun absoluto secreto, a gravación levouse a cabo nun dos escenarios máis emblemáticos da cidade do Lérez, lugar de paso de peregrinos onde tradicionalmente a cidade daba de beber a quen pasa. Iso si, non faltarán as máscaras no ano da covid. A gravación da muller cabalgando brazo en alto pola Praza da Peregrina e maila rúa Michelena provocou a expectación da veciñanza. Acontece alá por onde pasan e xa van unhas cantas localidades galegas durante os últimos días. Esta semana mesmo deixáronse ver pola Coruña ou Santiago de Compostela recollendo outras imaxes coas que darán forma ao seu produto para o que aínda non se revelou a data na que sairá á luz.

A campaña Vivamos como galegos leva 15 premios ás costas

A estrea das campañas nomeadas Vivamos como galegos xa se converteron nunha tradición anual da televisión galega, algo semellante á do anuncio da Lotería de Nadal ou o dese turrón que volve á casa cada 24 de decembro ou o do cava das burbullas douradas... Non en van, a proposta de BAP Conde leva acadados máis de quince premios dos máis recoñecidos da industria da publicidade. As paisaxes, os costumes e as xentes achegan a proposta publicitaria ano a ano ó público nun ambiente épico e cargado de emoción.

E malia que trala cámara hai quen recoñece que reinventarse cada ano é máis difícil para seguir triunfando e non perder a esencia orixinal... creatividade non lles falta.

Comentarios