O Consello dos nenos pídelle a Lores máis carrís bici, parques e papeleiras

O alcalde e o xefe da Policía Local participaron nunha reunión con alumnos de seis colexios da cidade

Lores e Mancelle, cos participantes no Consello dos nenos. OLGA FERNÁNDEZ
photo_camera Lores e Mancelle, cos participantes no Consello dos nenos. OLGA FERNÁNDEZ

Alumnos de seis colexios de Pontevedra integrantes do Consello escolar dos nenos e nenas fixeron chegar as súas peticións ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha reunión celebrada este mércores na Casa da Luz.

As intervencións dos escolares amosaron diversidade de opinións, segundo informou o Concello nun comunicado, e mentres uns pediron máis lombos, pasos de peóns e máis rúas sen coches, outros queixáronse de que había moitas rúas peonís. As peticións máis comúns foron aquelas referidas ás zonas de xogos e parques e os carrís bici. Tamén houbo queixas polos excrementos dos cans nas rúas e quen pediu parques para os animais. Outras suxerencias dos cativos foron colocar máis papeleiras e prohibir o botellón.

"Gracias por pensar nelo", dixo Lores o final do encontro, no que tamén se avaliou o funcionamento dos camiños escolares.

Na reunión interviron alumnos do CEIP Manuel Vidal Portela, CEP Campolongo, CEIP Froebel, CEIP Marcos da Portela, Colexio Doroteas e CEIP Álvares Limeses. Tamén estivo presente o intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle.
 

Comentarios