COP20

Lima. Venres, 12 de decembro de 2014. 2:00 am.

Mentres case toda Lima dorme, no distrito de San Borja os participantes na COP20 seguen a traballar para pechar un acordo sobre o clima coa idea de termos un novo acordo global que substituirá ao caduco Protocolo de Quioto. Malia o optimismo predominante nos primeiros días da conferencia, o acordo nestes intres semella difícil e xa se está a falar de adiar o final do cumio ata a fin de semana, co obxectivo de poder chegar, polo menos, a un acordo de mínimos. Sen dúbida insuficiente, pero moi necesario despois de anos perdidos dende a COP de Copenhague en 2009.

O nerviosismo de hai unhas horas foi paliado, en parte, grazas a un discurso de John Kerry na tardiña bastante esperanzador. As súas verbas deixaban claro que desde o país con maiores emisións de gases de efecto invernadoiro do planeta xunto con China, a idea era saír de Lima cun texto firme co que artellar unha estratexia inequívoca de redución de emisións a partir da COP21 en París. Incluso os activistas dalgunhas oenegués reciben con bos ollos as verbas de Kerry, valorando o xiro político dos EUA na xestión do cambio climático. Sen embargo, tamén comentan que a falta de xefes de Estado e de goberno en Lima (só apareceron 23 dos 96 inscritos) non axuda a refrendar a brillante intervención do secretario de Estado estadounidense.

Mentres o futuro do noso planeta estase a debater na capital dun dos países máis vulnerables aos efectos do cambio climático, a máis de 10 mil quilómetros de distancia comeza a amanecer na cidade de Madrid. É unha mañá fría de decembro, nada que ver coa noite primaveral de Lima, polo que as caldeiras dos edificios están a traballar a pleno rendemento. Nun luxoso recuncho do barrio de Salamanca, estase a erguer o ministro de Industria, José Manuel Soria, cuns cómodos 24ºC de temperatura ambiente no seu loft.

Ao cabo duns minutos, mentres en Lima suspéndese a sesión ata o venres pola mañá e os representantes das partes prepáranse para voltar aos seus hoteis para afrontar nunhas horas unha xornada vital para o futuro do noso planeta, José Manuel xa ten acesa a auga da ducha e practicamente todas as luces do seu loft mentres recurta o seu bigote diante do espello. Son as 8:15 am en Madrid. Ao fondo óese a radio desde a cociña, na que debaten varios iluminados sobre un tema moito máis importante que a COP20: o radicalismo bolivariano dalgún membro de Podemos.

José Manuel está contento esta mañá. A pesar de botar de menos o sol e a calor das súas illas natais, sabe que hoxe celébrase un dos últimos Consellos de Ministros antes de voltar á casa polo Nadal, e pronto poderá disfrutar do clima privilexado insular. Ademais, hoxe tócalle bastante protagonismo na sesión semanal que o reúne co resto do goberno. Xa son as 8:30. Os berros da radio comezan a confundirse co son dos distintos electrodomésticos da cociña, e José Manuel disponse a entrar nunha ducha de auga fervendo. Nada que ver, por certo, coas duchas de auga xélida das que presumía o seu camarada Arias Cañete, ou co millón de limeños que non teñen acceso a auga potable.

Xa duchado e vestido, José Manuel sentase a almorzar mentres repasa a orde do día. Son case as nove da mañá en Madrid, e o seu chófer xa o está a esperar na rúa. Toca convencer aos seus colegas do Consello que chegou a hora de modificar a Lei de Hidrocarburos para incentivar que as multinacionais poidan facer prospeccións e para desatascar o famoso fracking, esa nova tecnoloxía de extracción de hidrocarburos que deu máis dun susto aos veciños do delta do Ebro polo aumento da sismicidade. Mentres le os seus apuntamentos, na radio comezan a falar do fracaso da COP20 e da polémica posta en escea de Greenpeace nas milenarias liñas de Nazca. José Manuel sorrí. Sabe que despois de case sete anos de crise en España a sociedade española non anda tan atenta a este tipo de eventos ambientais. Sabe que incluso os medios máis díscolos co goberno non lle van botar en cara que nunha das xornadas máis importantes da historia do ambientalismo moderno vaia sacar adiante medidas para reactivar o uso de combustibles fósiles en España. Sabe que os seus colegas vanlle aplaudir hoxe na Moncloa, e que a única carteira que podería poñerlle en apuros, a de medio ambiente, está completamente eclipsada ao estar mesturada con pesca, agricultura, medio rural e cen mil competencias máis.

O que quizais non saiba José Manuel, porque seguro que non ten un curmán científico especialista en cambio climático, como o seu xefe Rajoy, que lle explique estas cousas, é que pola COP20 pasaron moitas persoas. E non eran precisamente esquerdallos ou hipsters que queren salvar ás baleas, senón numerosos economistas, líderes políticos ou premios nobel que alertaron dos perigos de adiar o cambio do noso modelo enerxético e manter políticas a prol do uso de combustibles fósiles. Incluso algún economista dos chamados neocon atreveuse a dicir estes días que o ralentamento do crecemento económico mundial pode estar relacionado co cambio climático e que a falta de intervencionismo dos estados nestes temas podería ser un erro estratéxico a medio e longo plazo.

Lima, 13 de decembro de 2014. 10.46 pm.

Non chegan novas esperanzadoras da COP20. O pouco que se sabe é que as negociacións seguiron durante toda a xornada do sábado, pero sen que as partes achegasen posturas. O xornal local, El Comercio, non está a dar actualizacións. O xornal británico The Guardian xa fala de desastre climático.

En Madrid son as 4.46 am do domingo. Supoñamos que José Manuel está a durmir no seu loft. Ha de estar ledo. O venres o Consello de Minsitros aprobou o que quería. Xa ten puntos gañados para entrar na directiva dalgunha petroleira cando remate o goberno mariano. Ou quizais simplemente se retire a unha praia de Lanzarote con vistas aos pozos petrolíferos que el mesmo permitiu facer. Pero quizais o máis útil que podería facer o ministro Soria cando deixe de ser ministro é emular á súa compañeira Fátima Báñez cando lle pedía á Virxe do Rocío que lle mostrase aos españois o camiño para saír da crise. Neste caso, José Manuel, poderías ir visitar á Virxe da Candelaria, pero non a que tendes nas illas Canarias, senón a Virxe da Candelaria de Puno (Perú), que non é outra cousa que a cristanización de Pachamama, a deusa da terra. Só ela poderá absolverte dos teus pecados. Boa noite, José Manuel!

 

Comentarios