Blog | TAL COMO ÉRAMOS

Costureiras

O téxtil, como gran parte das actividades desenvolvidas polas mulleres, podía ser un oficio exclusivo, un complemento ou ben o traballo sen remuneración que se desenvolvía no seo da familia. A maioría das costureiras das aldeas procedían de casas labregas, polo que antes de poñerse a desempeñar este oficio traballaron dende nenas nas actividades agrícolas e nas labouras domésticas. Aínda traballando na costura adoitaban seguir a desempeñar parcialmente tales tarefas. Algunhas tornaban a ser novamente labregas tras de traballar unha etapa como costureiras. De feito, deixaban o oficio ao contraer matrimonio: moi raramente a porcentaxe de mulleres casadas dedicadas á costura excedía do 10%, posto que os desprazamentos fóra do fogar resultaban dificilmente compaxinables coas esixencias familiares. 

Modesta Viveiro, unha costureira de Xermade (Lugo), a principios do século XX. ARQUIVO EL PROGRESOO oficio das costureiras adoitaba ser ambulante, se ben nun radio territorial curto. Ían polas casas, facendo arranxos e remendando e, en ocasións, as raparigas solteiras aprendían costura con elas. Non era insólito ollar unha costureira por unha corredoira coa máquina de coser na cabeza, desprazándose dende a súa casa ata o domicilio onde se requirían os seus servizos. Pola noite, voltaban coa máquina para a súa casa e, ademais, facíano "camiñando xentilmente", segundo apuntaba o etnólogo Fernández Oxea. Algunha rara vez quedaban a durmir na casa da clienta, porque había presa ou moita tarefa por diante. 

Agora ben, nalgúns casos facíanse acompañar pola aprendiza, que era a que levaba a Singer na cabeza. Esta aprendía o oficio traballando coa costureira polo xeral sen cobrar nada ou aínda tendo que pagarlle, e cando xa consideraba que tiña un dominio suficiente do oficio, daquela independizábase. Cando unha moza se puña de aprendiza os seu pais adoitaban poñerse moi contentos posto que comía fóra e, con sorte, se é que gañaba algo, aínda achegaba algún diñeiro. 

Manuel Rivas recorda que a súa tía Manola andaba a coser polas aldeas, "cunha Singer portátil na cabeza. Unha das súas compañeiras de ruta era outra linda moza, Finita, a que logo sería célebre cantante de orquestra co nome de Finita Gay. Cando ían polas corredoiras, tiñan medo aos lóstregos, pois levaban as máquinas de coser na cabeza. E o remedio era que Finita cantase para matar o medo". Andaban ben cargadas, e como comentaba unha costureira que andaba na faena, en 1933, "estropeaban a espalda co peso". Tiñan que levar ademais a cesta da costura. 

Manuel Rivas recorda que a súa tía Manola andaba a coser polas aldeas, "cunha Singer portátil na cabeza"

A comezos do século XX, mercar unha máquina de coser era o soño de toda muller galega, pero era algo que só estaba ó alcance dunha minoría. Recorrer ao aluguer constituía a posibilidade de achegarse ao cumprimento deste desexo. Na prensa anunciábase o aluguer dunha máquina Singer, que se podía seleccionar nun catálogo ilustrado, ao prezo de 2,50 pesetas por semana. 

Cuevillas menciona unhas costureiras en Velle que no ano 1933, cobraban cinco ou seis reais, cando cosían a mantido no domicilio da clienta, e máis cando o facían de encarga nas súas casas. Se comían na casa onde traballaban, recibían a metade do xornal. 

Velaquí un relato que dá conta do xeito en que desenvolvía este labor unha dona: "Foi costureira no lugar de Sober (Sobrado dos Monxes), oficio que compartía coas súas irmás (Carmen e Amalia). Ía coa cesta da costura e coa máquina de coser polas corredoiras, verán e inverno. Se unha familia necesitaba roupa, case sempre coincidindo coa proximidade das festas (a diario andaban con ela chea de remendos), chamaban ás costureiras para renovar as vestimentas". E cando chegaban a unha casa pra facer un labor quen requiría dos seus servicios xa tiña comprado o xénero (tea), "despois as costureiras tomábanlle as medidas do corpo e extremidades, logo cortaban a tea e finalmente cosíana. Cando remataban nunha casa xa as tiñan chamado para outra, e así sucesivamente". 

As señoras o día que recibían á costureira na casa, ese día fregábase o chan e na casa comíase mellor. Para a costureira sempre había un vasiño de viño, aínda que os da casa non o tomaran. Era unha operación de imaxe: a ama de casa sabía que a costureira ía ir pregoando polos demais domicilios como era por dentro a familia en cuestión, se a señora era hacendosa e se comían ben. 

O perfil social da costureira revestía certo pintoresquismo. Algunhas se daban certos aires, xa que tiñan tratos co señorío, en cuxas casas podían entrar. Emilia Pardo Bazán sinalaba en De mi tierra, que eran como aristócratas, na percepción social das aldeás. Adoitaban rexeitar participar nas faenas agrícolas e distinguíanse "polo coidado no adubío da súa persoa e por unha certa finura na verba"; eran "alangueiras e entretidas". Como apunta Raúl Soutelo, as moitas relacións e coñecementos que facían nas casas que visitaban dábanlles mellores opcións matrimoniais que as restantes mozas. Porén, os mozos da década de 1930, e as súas familias, estaban máis interesados na capital agropecuario das candidatas a casar que na súa fermosura e relativa elegancia, ou nas súas habilidades coa agulla. 

Consideradas polos campesiños, cortexadas polos señoritos e estudantes, con intencións non precisamente matrimoniais, o espírito clasista da burguesía mirábaas por riba do ombreiro. Eduardo Blanco Amor era fillo dunha costureira e iso non llo perdoou nunca a clasista sociedade ourensá. 

As condicións non eran boas: alumeábanse cun candil e quentábanse co lume da lareira. O esforzo visual continuado, e a mala iluminación, en particular no tempo de inverno, fatigáballes os ollos e provocaba un rápido deterioro da súa capacidade de visión.

Comentarios