O que a covid-19 levou por diante

Concello, Deputación e Afundación traballan para tratar de reprogramar a maior parte das actividades suspendidas polo estado de alarma
2020052317114656364
photo_camera 2020052317114656300

Concertos, obras de teatro, exposicións, espectáculos infantís, presentacións literarias... Todo deixou de existir. A axenda cultural de Pontevedra, sempre desbordada, de súpeto ficou deserta. Institucións públicas e privadas, asociacións, colectivos e locais de ocio traballan estes días para tratar de reprogramar a maior cantidade posible das actividades que a covid-19 levou por diante.

"En Pontevedra estamos empeñados en non cancelar", ten dito ao respecto a concelleira de Cultura, Carme Fouces. O Concello é precisamente unha das institucións que en máis avanzados os seus contactos con promotores e artistas para recolocar as distintas propostas suspendidas pola declaración de estado de alarma tras a expansión do coronovirus. A primeira da que se soubo foi a de The Jayhawks. O grupo norteamericano tiña que actuar en xuño, no Pazo da Cultura, dentro do ciclo Voices. Pero a súa xira por Europa quedou adiada para o ano que vén. Virán en 2021. A outra artista que tiña que actuar en Voices era Guadi Galego. En outubro ofrecería o que sería o espectáculo de peche da súa xira Immersion. Con toda probabilidade non se manterá esa data, pero si que actuará este ano na capital da provincia.

Outro gran concerto que ía haber no Pazo era o de Sés, no mes de abril. A artista quere reprogramar todas as actuacións que tiña previstas canto antes, entre elas estaría a de Pontevedra. O mesmo sucede con De Vacas, que tiñan que ter actuado en marzo. "Está confirmado que actuarán este ano aquí, pero estamos pendentes de asignarlle a data", di o Concello.

FILARMÓNICA. Sen saír do eido musical, a Sociedad Filarmónica tivo que cancelar os tres últimos concertos da súa temporada, os de abril e maio: o da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra co pianista Giorgi Gigashvili o de Praeteritum Ensemble e o da pianista Judith Jáuregui. "Sentimos especialmente el de Judith Jáuregui porque ya se tuvo que suspender la temporada pasada tras sufrir un accidente", comenta o presidente da sociedade, Gonzalo Martínez. "Nuestra intención es reprogramar su recital el próximo curso, que será muy especial porque cumplimos 100 años. Pero todo está pendiente de cómo evolucione la alerta sanitaria".

O Teatro Principal é a sede dos concertos da Sociedad Filarmónica e tamén dos do ciclo As matinés do Principal, que está no aire. O dos cataláns Manel, que viñan en abril, foi en principio cancelado, "pero é un dos que non descartamos recuperar", indica o Concello. O de Xabier Díaz, que tiña que ser en maio, celebrarase seguro ao longo do ano, pero sen as Adufeiras do Salitre, que o ían acompañar. O de Ele, previsto para outubro, está pendente de confirmar.

A sala exposicións do Pazo da Cultura recuperará a actividade cunha gran mostra

O Concello xa anunciou que recuperará seguro a actividade da sala de exposicións do Pazo da Cultura en breve cunha grande mostra para este verán. Tamén o fará o Museo de Pontevedra. A Deputación anunciou que as dúas exposicións que estaban abertas cando se decretou o estado de alarma, unha adicada a Leopoldo Nóvoa e outra a ilustadoras de Blanco y Negro e ABC, se ampliarán ata o 30 de agosto. A reapertura está prevista para comezos de xuño.

MUSEO. Do conxunto da programación, o Museo só cancelou o seu festival de curtas. O resto das actividades previstas (I Concurso de Solistas de Galicia, I Xornadas de Educación Patrimonial e Museos, etc.) están pospostas.

O teatro será o máis difícil de recuperar, segundo indican tanto dende o Concello como dende Afundación. A administración local dá por perdidas todas as obras de compañías que viñan de fóra de Galicia e traballa para recolocar as que ían realizan agrupacións galegas. É o caso, por exemplo, de Unha noite na praia, con Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán, programada para xuño e que conta con reprogramarse nunha nova data por determinar.

Afundación traballa no mesmo sentido que o Concello. Mentres hai propostas como a de Pantomima Full, prevista para abril, que xa foi definitiva cancelada, hai outras como a de Dani Martínez, prevista para marzo, que foi recolocada e que, de feito, ten xa nova data, 20 de novembro, e conta coas entradas á venda en ataquilla.com. "Mantemos a taquilla on-line operativa para eventos futuros, sempre pendentes do que se anula e do que non. Nas propostas que se cancelan, como ata agora, devólveselle o importe da entrada aos espectadores".

Mentres tanto, libreiros, asociacións e locais de ocio mantéñense á expectativa de como adaptarse á denominada nova normalidade. O cineclub vai tratar de recuperar a súa programación en xuño; a sala Karma xa anunciou que prepara concertos con aforo moi reducidos e as librerías buscan adaptar os seus actos. As dúas pontevedresas cunha programación máis importante, Paz e Cronopios, cancelaron todo o que tiñan previsto. A primeira, entre outras cousas, un encontro con Jordi Sierra i Fabra e unha presentación de Miguelanxo Prado, e a segunda, un coloquio con Juan Tallón.

Os festivais dan o verán por perdido e trasládanse ao ano que vén
Os festivais de música da provincia foron pouco a pouco renunciando a celebrarse e na súa grande maioría optaron por trasladarse a 2021 co mesmo cartel. Entre os que confirmaron están o Portamérica, de Caldas de Reis; o SonRías Baixas, de Bueu; o Atlantic Fest, de Vilagarcía, e o Sinsal, de San Simón (aínda que neste caso a organización celebrará unha actividade alternativa fóra da illa).

Películas. Os festivais de cine, pola súa banda, apostaron por manterse ou reprogramarse despois do verán. Novos Cinemas, de Pontevedra, previsto para decembro, probablemente optará por un formato reducido. Cans, no Porriño, tamén apostou pola celebración, no seu caso trasladada a setembro, o mes no que está previsto que tamén se leve a cabo o Fic Bueu. O Play-Doc, de Tui, suspendeuse nas datas previstas, entre abril e maio, e buscaba outros días.